Aberto o prazo para presentar traballos ao XVII Premio «Pura e Dora Vázquez» de ilustración

A Deputación de Ourense abre o prazo para a presentación de traballos para o XVII Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración, dotado con 1.500 euros, ao que poderán concorrer ilustradores que presenten obras inéditas e orixinais que tomen como base o texto premiado nesta edición na modalidade de narración: a obra de Begoña Graña Suárez Adrán e a fábrica de xeo.

As persoas interesadas poden solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou no teléfono 988 317 790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o 30 de novembro de 2020. As bases completas poden consultarse na páxina web da Deputación de Ourense (www.depourense.es) ou no BOP do 5 de xuño de 2020.

As ilustracións deberán ter seguintes medidas: ilustración de portada: 145 x 210 mm, tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm, tamaño total incluído solapas, contraportada e sangrado; ilustracións interiores: 296 x 216 mm, sobre páxina con sangrado.

O xurado estará composto polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue e cinco vogais designados pola comisión informativa de Cultura da Deputación a proposta dos grupos políticos da corporación, e como secretaria, a xefa da sección de Arquivo e Publicacións da Deputación. O acto de entrega do XVII “Premio Pura e Dora Vázquez” de ilustración será a partir da emisión do ditame do xurado. O día, lugar e hora comunicaranse oportunamente, e para recibir o premio será necesaria a asistencia dos premiados ou dun representante no acto de entrega deste. O premio poderá ser declarado deserto.

A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada. A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensino, asociacións e entidades culturais), e disporá de exemplares para a súa distribución venal nas condicións establecidas na Ordenanza reguladora de publicacións.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar