ABANCA lanza a 4ª edición do seu Programa para Startups

  • A iniciativa busca promover o desenvolvemento de novos proxectos empresariais de base tecnolóxica nos sectores fintech, insurtech, regtech e cibersecurity
  • ABANCA ofrece aos emprendedores un amplo programa de acompañamento que culminará coa realización dunha proba de concepto da súa idea
  • As candidaturas participantes deben presentarse entre hoxe e o 11 de outubro a través da web http://abancainnova.com
  • A 3ª edición do Programa finaliza estes días co lanzamento das probas de concepto de MiCappital, HolaLucas e CardDynamics
20200908-abanca-innova

ABANCA abriu o prazo de inscrición para participar na próxima edición do Programa para Startups de ABANCA Innova, unha iniciativa coa que a entidade financeira quere promover a posta en marcha e o desenvolvemento de proxectos empresariais de nova creación baseados na tecnoloxía.

“O Programa para Startups de ABANCA Innova aúna o enfoque innovador e tecnolóxico de ABANCA como entidade financeira co noso compromiso coa creación de tecido económico a través do fomento do emprendemento”, explica Rosa Seoane, xerente de ABANCA Innova.

O Programa para Startups de ABANCA Innova mantén a formulación das súas tres edicións anteriores, isto é, acompañar aos emprendedores no proceso de desenvolvemento da súa idea a través dun amplo programa que culminará coa realización dunha proba de concepto que valide o seu modelo de negocio. Tamén como en edicións anteriores, o Programa diríxese a startups dos sectores fintech, insurtech, regtech e cibersecurity.

Este ano o programa amplía a súa dimensión internacional reforzando o seu alcance en Portugal, mercado no que ABANCA incrementou de forma significativa a súa presenza nos últimos exercicios.

Período de inscrición

O prazo de inscrición para participar no Programa para Startups de ABANCA Innova comeza hoxe e finalizará o 11 de outubro. O envío de candidaturas realízase a través da web http://abancainnova.com.

Tras o proceso de recepción e posterior análise das propostas, realizarase unha selección de entre 6 e 8 startups que iniciarán o Programa. As startups serán valoradas por responsables de distintas unidades de negocio de ABANCA desde catro perspectivas: tecnoloxía, negocio, innovación e investimento.

A partir dese momento, as startups seleccionadas serán asignadas a un patrocinador da área de negocio do banco que decidise apoiar a proposta e traballarán ao longo dos seguintes meses na definición e execución da proba de concepto. A realización de dita proba de concepto constitúe o obxectivo final do Programa, xa que achega un valor decisivo aos emprendedores ao permitirlles testar a viabilidade real da súa idea no mercado. Se os resultados son positivos, poderanse estudar posibles vías de colaboración futuras entre o banco e a startup.

Primeiro bootcamp

A primeira actividade na que participarán as startups seleccionadas será un bootcamp que terá lugar entre os días 26 e 30 de outubro, e que este ano, excepcionalmente, celebrarase en remoto.

Ao longo desa semana, o traballo en común entre ABANCA Innova e as startups estará enfocado a coñecer as ideas participantes e definir as posibilidades de colaboración con ABANCA. Ademais, as startups poderán participar en charlas e debates con profesionais do sector do emprendemento español.

As empresas participantes terán tamén a oportunidade de coñecer de primeira man a actividade e funcionamento de ABANCA. Para iso organizaranse os denominados Cafés Fintech, nos que participarán diferentes directivos da entidade, como o director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións, José Manuel Valiño, e o director de Mercadotecnia, Intelixencia, Dixital e Experiencia de Cliente, Jorge Mahía, entre outros.

Outros beneficios e metodoloxía

Durante todo o proceso de desenvolvemento das súas ideas, as startups participantes terán a súa disposición un programa de beneficios que inclúe a utilización de espazos de coworking nas instalacións de ABANCA Innova, o uso de Amazon Web Services, Google Cloud ou ferramentas de mercadotecnia dixital, comunicación ou recursos humanos valorados en máis de 150.000 euros.

Nas distintas fases do Programa utilizaranse metodoloxías áxiles que achegan flexibilidade e inmediatez, o que permite aforrar tempo e custos tanto ás startups como á organización. Ademais de profesionais de distintas área de negocio de ABANCA e de ABANCA Innova, o Programa conta coa participación de HubIN, compañía especializada en innovación e emprendemento.

Fin da 3ª edición

Coincidindo coa posta en marcha da nova edición, chegou ao seu fin a 3ª edición do Programa para Startups de ABANCA Innova. MiCappital, HolaLucas e CardDynamic, o tres finalistas seleccionados entre as 19 propostas recibidas, lanzan estes días as súas respectivas probas de concepto. Culminan así o proceso de desenvolvemento dos seus proxectos, no que traballaron en colaboración con ABANCA ao longo dos últimos doce meses.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar