Cada vez, queren gañar máis

Non sabemos que está pasando, non sabemos o que pasou e malamente podemos percibir  o que pasará. Xa un vello e experimentado avogado e político, referíndose  aos acontecementos do día anterior, dixo alto e claro: “pasou o que pasou”. Non o entende ninguén que non sexa galego. Os que somos de aquí, si. Todos entendemos perfectamente o dicir do señor Iglesias Corral, quen fora concelleiro republicano en 1931, alcalde da Coruña en 1932, deputado en 1933, fiscal xeral da República en 1936, senador, pola Candidatura Democrática Galega, en 1977, e despois, senador e deputado autonómico pola UCD e, decontado, aos seus anos, senador de Alianza Popular.

E, con Alcoa, no Norte de Lugo, en Galicia e en Europa, que pasou? Pasou o anunciado, o que non tiña que pasar. Meu Deus! Como anda o país! Para onde miran os estrategos  da política, dos partidos, das multinacionais e das industrias do noso país “verde e neboento”? Para onde miran e que pensan? Meu Deus, que pensaran as que seguen vivas daqueles milleiros de persoas que se manifestaron en Xove contra da “invasión dos mercaderes”, ao final da década dos setenta, cando o mundo e o pensamento eran outra cousa moi diferente, distinta.

Uns querían defender o entorno co que tiña, fortalecer o naval, acrecentar a industria forestal, darlle brío a aquelas industrias que podían ser sostibles, enraizadas  na agricultura, na pesca e nas explotacións dos recursos propios, con respecto total ao medio ambiente, interpretando que o seu coidado era o coidado da saúde da cidadanía e unha verdadeira aposta polo futuro. Outros, os que saíron gañando, querían o contrario e, en pouco tempo, todos son (somos) perdedores ou vítimas, con Alcoa e sen ela, con aluminio ou sen el.

Onde están os que gañan? Na acción directa contra dos que sufriron e sofren as inxustizas, dos que tragan o lixo, a contaminación e o seu propio vómito. Xa o dixo a Tía Manuela, “os que mandan sempre gañan e, cada vez, queren gañar máis aínda”. Neste caso, quen manda? Todo parece indicar que os mesmos que mandaban daquela, mandan hoxe. Os mesmos que inauguraron o complexo industrial de Alúmina-Aluminio, clausúrano corenta anos despois, e quédanse coa chave, por se hai algo máis que espoliar, que roubar ou que arrapañar. 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar