Feijóo propuxo aos traballadores de Alcoa destinar fondos europeos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou aos traballadores de Alcoa San Cibrao a proposta da Xunta de destinar unha parte dos fondos europeos que a Comunidade recibirá para os plans de industrialización das empresas que desenvolven servizos esenciais, así como un préstamo participativo para completar a modernización da empresa e garantir a súa produción durante as próximas décadas.

Tras a reunión co comité de empresa, na que tamén estivo o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Feijóo apelou á vontade do Goberno central para que siga habendo unha fábrica de aluminio primario en España. “Temos unha oportunidade histórica: fondos europeos para loitar contra a crise da covid-19, que se poden destinar a esta factoría; e, ademais, con cargo aos seus presupostos, a Comunidade está disposta a poñer préstamos participativos para executar un plan industrial de modernización da compañía e garantir que poida seguir producindo”, abundou.

Para levar a cabo este obxectivo, o responsable do Executivo galego incidiu na necesidade de que, nos próximos días, se publique no BOE a convocatoria da poxa de interrompebilidade para o segundo semestre e para as empresas hiper-electrointensivas; de que se concreten as compensacións por emisións de CO2 ata o máximo permitido pola Unión Europea; así como coñecer o estatuto, que leva máis dun ano anunciado polo Goberno central, e que nel se concrete o prezo eléctrico competitivo para esta factoría, atendendo ás alegacións presentadas por Asturias, Cantabria e Galicia e polo comité de empresa.

Durante a rolda de prensa, Feijóo fixo fincapé en que o futuro de Alcoa, da Mariña e de milleiros de familias está en xogo. “Levamos moito tempo advertindo desta situación e só nos quedan semanas para intentar cambiar o futuro da Mariña. É hora de saber se o Goberno quere pechar Alcoa ou quere dar unha oportunidade a esta compañía”, aseverou.

Ao respecto, avanzou a solicitude da convocatoria dunha mesa multilateral, “na que a ministra responsable da política enerxética, a ministra de industria, o comité de Alcoa, a empresa e a Xunta de Galicia, nos sentemos de forma inmediata para pechar a poxa de interrompebilidade; para concretar as alegacións que presentamos á tarifa eléctrica; e para concretar, tamén, que parte de fondos europeos e que préstamos participativos, tanto do Goberno de España como da Administración autonómica, podemos poñer enriba da mesa para facer viable o futuro de Alcoa”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar