Novos tempos, piden novas políticas

O PSOE quería pactar e o PP quería “desinflar o pacto”. O Goberno central pretende rentabilizar o acordo e o PP quere rachar o Goberno. Sánchez quería ser el quen aparecese como o garante do pacto e Casado pretende que sexa o PP o que levante a acta do mal goberno. O presidente español quería que as reunións fosen na Moncloa e o líder da oposición conseguiu que inventasen unha comisión no Parlamento.

Pero a pregunta é “pactar o que?”. Non houbo propostas por parte dos partidos maioritarios. Se é a dereita española a que vai pór non só o límite do pacto, senón as medidas acordadas, xa sabemos a onde pode chegar o PP en materia social e económica. Pretende o PSOE ter un aliado que lle posibilite realizar unha política que non lle permitirían o seu socio Podemos e as forzas nacionalistas que sustentan o seu goberno?

Pactar logo “para que”? Como lle manifestou o voceiro do BNG no Congreso, Néstor Rego, ao presidente Pedro Sánchez, “só hai dúas alternativas para obter e mobilizar os recursos necesarios para saír desta crise: ou quitarllo aos que menos teñen, pola vía dos recortes sociais, redución dos salarios e prestacións, privatización dos servizos públicos… Ou que os poña que máis ten”.

Para iso o Goberno central terá que comezar implantando unha nova política fiscal, realmente progresista e redistributiva. Fará o PSOE o que nunca fixo? Pensa que o vai apoiar o PP para así tornarlle as labazadas do grande capital? A crise do 2008 e as receitas aplicadas están aínda na memoria recente.

Aínda así, a Galiza non lle chega cun cambio na política do Estado. Necesita unha política propia que reverta, primeiramente, os recortes e a privatización da sanidade e nos servizos sociais. Que deseñe unha política auto centrada, baseada nos nosos recursos naturais e poboacionais, e que comece por apoiar as pequenas empresas e aos autónomos, como fan o País Vasco ou Nafarroa.

Novos tempos requiren novas políticas e novos dirixentes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar