O Colexio de Xornalistas pide garantir o acceso dos fotoxornalistas as competicións deportivas

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia apoia as reivindicacións dos e das fotoxornalistas galegas e reclama á administración que regule o seu acceso aos estadios da Liga de Fútbol Profesional e outros deportes, de cara a garantir o dereito a unha información libre e plural.

Ante a próxima reanudación da Liga Profesional de Fútbol e doutras competicións deportivas, os organismos competentes están a redactar normativas e protocolos que garantan as medidas sanitarias necesarias para este tipo de celebracións. Porén, non sempre están a respectar o exercicio do xornalismo, que cómpre lembrar que foi calificado como actividade esencial. Así, se a Orde SND/399/2020, de 9 de maio, do Ministerio de Sanidade xa prohibía o acceso dos medios de comunicación aos adestramentos deportivos, agora é o protocolo de LaLiga o que só contempla a cobertura gráfica en réxime de pool, é dicir, mediante unha única axencia de servizos fotográficos contratada polo mesmo organismo. Contra estas medidas, onte concentráronse fotoxornalistas fronte aos campos de fútbol de Vigo, A Coruña e Lugo, reclamando o seu dereito a informar.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia apoia as protestas dos e das fotoxornalistas galegas e reclama que se garanta o acceso dos informadores gráficos aos adestramentos e ás futuras competicións, tanto da Liga Profesional de Fútbol como doutras disciplinas deportivas. As e os fotoxornalistas teñen demostrado durante toda a pandemia que saben e poden traballar respectando as medidas de seguranza, medidas que non habería moita dificultade en aplicar en estadios e campos deportivos amplos nos que non se vai permitir a entrada de público. O estabelecemento dun monopolio na recollida de imaxes é unha medida inxustificábel que atenta directamente contra o dereito da cidadanía á información plural e libre.

Por outra banda, é importante salientar que estas medidas significarían impoñer maiores trabas a dous dos sectores do xornalismo máis afectados por unha pandemia que xa foi destrutiva abondo no sector da comunicación. A prensa deportiva sufriu unha grave crise ante a falta de competicións, mentres que as e os informadores gráficos son especialmente vulnerábeis ante a situación económica debido a que moitos deles traballan como xornalistas á peza. Impedir o seu traballo, polo tanto, non significaría só unha suspensión temporal da pluralidade da información, senón que a longo prazo redundaría, unha vez máis, no empobrecemento do noso ecosistema comunicativo.

Por todo isto, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia insta ao Consello Superior de Deportes do Estado a que garanta axiña o libre acceso de todas e todos os xornalistas aos adestramentos e ás competicións, tanto aos da Liga Profesional de Fútbol como aos de calquera outra disciplina deportiva na que o dereito a informar se vexa ameazado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar