Un minuto despois

O peche que vive o país tradúcese en millóns de peches individuais que fan lembrar o medieval «Romance do prisioneiro» no que só sabe cando é «de día, o cuando las noches son», por unha «avecilla» que lle cantaba ao albor.

    As nosas «avecillas» veñen ser os medios informativos que transmiten en directo o que ocorre no mundo con este virus asasino contra o que a única loita posible é o aillamento, e mentras as voces máis sonoras contan os avances da loita contra a enfermidade, outras lembran os milleiros de empresas forzadas a mandar ao paro a incontables traballadores.

    Pero esta situación, que nos ten inanes, nalgún momento vai rematar, aínda que non saibamos cando nin como. E temos que aprender a pensar no futuro, para -despois de superar este trance- empezar de novo. Por iso, é de agradecer a badalada que sonou desde Ourense onde o presidente da Deputación piuxo en marcha o “Comité do día despois”, para empezar a traballar pola reactivación económica un minuto despois de que remate o estado de alarma e volvamos, oficial e realmente, aos problemas nosos de cada día.

    Ese é o xeito optimista, realista, de ver a situación: Transitar pola realidade resistindo, loitando por sobrevivir, pero sobre todo preparándonos para a loita en canto a alarma remate, por nós, polos nosos, e polo país. Porque nalgún momento ten que volver a normalidade, e daquela temos que estar preparados para a loita.

    No Romance, un «ballestero» matou a «avecilla» que lle abría os oídos ao mundo. Que as nosas «avecillas» conectoras co mundo nos permitan, agora e sempre, ter ollos e oídos abertos ao que pasa ao noso arredor.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar