A Deputación de Ourense mercou 36.000 máscaras e 43.000 pares de luvas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou que o goberno provincial mercou 36.000 máscaras e 43.000 pares de luvas , xunto con 500 litros de xel desinfectante, que serán repartidas entre concellos e entidades da provincia de Ourense, unha medida validada polo Comité de Seguimiento do Coronavirus da Deputación, e que forma parte da estratexia de colaboración coa Xunta de Galicia. A petición de axuda foi formulada polo Posto de Mando Avanzando (PMA) en Ourense.

Desta maneira, a xestión levada a cabo polo goberno provincial fai posible a adquisición deste material sanitario, que chegará a Ourense a próxima semana e que se unirá ao da Xunta de Galicia, para poder realizar un reparto conxunto.

Manuel Baltar valora como “sumamente importante unir esforzos para seguir cooperando, ademais dos labores que xa vimos desenvolvendo en materia de servizos sociais e infraestruturas, “con equipamentos que neste momento resultan imprescindibles para afrontar a pandemia do Covid-19”.

O presidente do goberno provincial  afirma que a cooperación “vai no ADN da Deputación de Ourense, e neste momento, unir esforzos coa Xunta de Galicia e conxuntar o material que mercamos para colaborar nesta crise é algo fundamental e centra todas as nosas estratexias”, valora o presidente Baltar.

Solidariedade de Adolfo Domínguez

Asemade, Baltar agradece á empresa Adolfo Domínguez “a súa mostra de solidariedade con esta crise sanitaria”, logo de confirmarse onte que a empresa téxtil doará á Deputación de Ourense -para o seu reparto a concellos e entidades- diverso material sanitario (máscaras e xeles desinfectantes) que a compañía vén de recibir dos seus provedores. “A colaboración privada únese tamén a este labor humanitario e asistencial que desenvolvemos en Ourense, e iso é algo de agradecer fondamente nestes momentos no que sumar apoios e cooperación é indispensable”, comenta Manuel Baltar.

A iniciativa de achegar material sanitario por parte da Deputación de Ourense e coordinar a  súa distribución coa Xunta de Galicia forma parte das iniciativas que está a levar a cabo o Comité de Seguimento do Coronavirus Covid-19, que tamén aprobou días pasados implementar medidas en teleasistencia, protección de emprendedores e cooperación social cos concellos, para seguir facendo fronte á crise do virus. Entre elas figura a posta en marcha dun servizo de “alta exprés” en teleasistencia para que os concellos poidan axilizar os trámites de novos usuarios desta servizo para persoas máis vulnerables. O obxectivo é que os concellos poidan incluír nos seus rexistros de teleasistencia ás persoas que consideren preciso atender con este recurso, o que permitiría dar de alta temporal ao usuario non servizo de liña 900 para facerlle o seguimento. Este teléfono 900, cuxa alta pode solicitarse a través do concello desde onte martes, atenderá ás persoas máis vulnerables que aínda non estean acollidas ao servizo de teleasistencia. Precisamente, neste aspecto da teleasistencia, a Deputación está a reforzar o servizo para intensificar tamén a información que se facilita aos usuarios, relativa a procedementos, actuación e manexos que deben realizar como prevención fronte ao virus.

O comité tamén acordou reformular as bases do programa de entidades sociais para potenciar as actividades relacionadas coa atención urxente ou as que estean relacionadas ou derivadas da crise do Covid-19, respecto a subministro de enerxía en fogares, atención a nais vulnerables, servizos básicos como alimentación ou atención a persoas afectadas por patoloxías especialmente protexidas pola ameaza do Covid-19.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar