Incendios nun taller de Rianxo e senllas vivendas na Bola e Narón


Un incendio calcinou por completo un taller localizado no baixo dunha vivenda do lugar de Burata, no concello coruñés de Rianxo.

As lapas consumiron un vehículo almacenado no interior do local sen, afortunadamente, causar danos persoais, xa que no momento dos feitos, as persoas que se atopaban na primeira planta – dous adultos e dous menores – puideron abandoar a vivenda próxima.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 2:15 horas desta madrugada, tras recibir a chamada dun dos ocupantes da casa afectada. Segundo o seu relato, as lapas afectaban á planta baixa do inmoble localizado na parroquia de Taragoña.

Decontado, desde o 112 avisouse aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, aos axentes da Garda Civil e tamén aos membros de Protección Civil de Rianxo.

Unha vez rematadas as labores de extinción, os equipos de emerxencia confirmaron que as lapas consumiron o taller por completo e que a vivenda viuse afectada polo fume.

Arde unha vivenda en A Bola


Tamén, esta madrugada, os Bombeiros da Mancomunidade Terras de Celanova desprazáronse ata o lugar de Val de Boi, no concello de A Bola (Ourense), para apagar un lume rexistrado nunha casa. Por fortuna, ningunha persoa resultou afectada.

Segundo o relato dos profesionais de extinción, ardeu unha vivenda unifamiliar, habitada por un inquilino, por completo e indicaron que o teito tamén colapsara.

Ademais dos medios de extinción, ata o lugar tamén se desprazaron, tras ser informados polo 112 Galicia, os axentes da Garda Civil e os efectivos de Protección Civil da localidade.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos, dez minutos antes da 01:30 horas, grazas ao inquilino que chamou para pedir axuda. Indicaba que non había persoas afectadas pero que lle ardía moito a casa.   

Veciño de Narón afectado por inhalación de fume

Un lavalouzas parece ser a orixe dun incendio rexistrado nunha vivenda situada no Camiño do Pino, no concello coruñés de Narón.

Aínda que nun primeiro momento non había constancia de persoas afectadas, posto que todas elas saíran ao exterior tras extinguir as lapas coa axuda dun extintor, foi necesaria a intervención dos servizos sanitarios de urxencia para trasladar a un dos propietarios, que resultou afectado pola inhalación do fume.

Todo comezou sobre as 05:15 horas desta madrugada cando, a esa hora, un particular solicitaba ao 112 Galicia a saída dos Bombeiros para apagar un lume na vivenda do veciño. Aseguraba que non había persoas afectadas, que lle ardera o lavalouzas e que tiña a casa chea de fume.

Así con estes datos, desde o 112 Galicia avisouse decontado aos Bombeiros de Narón e á Policía Local, que nada mais chegar ao enderezo citado, os axentes, solicitaron asistencia sanitaria para un dos propietarios.

Os Bombeiros confirmaron nada mais chegar que o lume xa fora extinguido polos particulares e procederon a ventilar a casa.

Segundo indicaron os servizos sanitarios, a persoa afectada foi trasladada ao Hospital Arquitecto Marcide



Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar