Martín de Padrozelos

ESCRIBIR DE literatura e de música é unha verdadeira ledicia, é tan bonito como ler boa literatura, da nosa, e escoitar música boa, da nosa tamén. É un pracer enorme para os aldeáns coma min descubrir que un dos primeiros poetas da historia literaria de Galicia tamén procedía da aldea. Estámonos referindo a Martín de Padrozelos, aquel trobador que, segundo os investigadores Xulio Pardo de Neyra e Dulce Fernández Graña, deixou as primeiras cantigas coñecidas na lingua galega, nove son cantigas de amigo e unha, de amor.

Viviu a cabalo de dous séculos, dende finais do once ata principios do doce, e foise silandeiro, como procedía naquel momento. Detrás del quedaron varios séculos de silencio sen deixar ver o rastro, marcado con escritura medieval. Agora, os que o seguen van parar ás terras de Lóuzara, preto do Courel, no concello de Samos. Terras de poetas, escritores e xente de talento, terras montesías amparadas polos tesos cumes de Novoneyra, lambidas polo «bicarelo do bico do brelo». Terras sollías e xabreiras, dun e do outro lado do río, ao carón de Portela e do Alto da Pedra, á vista do Pía Paxaro e do castro de Mouras.

Os investigadores traballaron e agora dan luz aos seu logros. Son contundentes: «O primeiro trobador da nosa historia literaria, Martín de Padrozelos, era Martín Pérez de Praducelo, da parroquia de San Xoán de Lóuzara», onde perdura unha casa co seu nome. O cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e o cancioneiro da Vaticana recollen dez das súas cantigas e fanlle saber a quen queira ler que «estamos diante dun extraordinario poeta».

Agora, outro paso importante, os estudosos falaron e os seus falares recolleranse nun documental que subliña e salienta os andares da lírica de Martín de Pradozelos, un Trobador no Camiño. Ademais o grupo musical A Quenlla, con Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero) á cabeza, puxo música ás dez cantigas deste autor, para presentalas nun CD e axudar á recuperación e á valorización da literatura galega medieval. Adiante! Como dicía a Tía Manuela, «para saber a onde imos, cómpre saber de onde vimos e quen somos».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar