A exposición do Antigo Reino de Galicia na Catedral de Lugo

O colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia, preparou para o Centro Eucarístico Lucense e a Catedral de Lugo, a exposición 350 ANOS DA OFRENDA DO ANTIGO REINO DE GALICIA A XESÚS SACRAMENTADO NA CATEDRAL DE LUGO, con motivo de cumprirse neste 2019 os trescentos cincuenta anos do inicio do proceso que xerou a Ofrenda anual que seguen a facer en Lugo cada infraoitava do Corpus as cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, Santiago e Tui, capitais do Antigo Reino de Galicia.

A mostra, composta por 12 paneis dobres (galego por unha cara e castelán pola outra), ten carácter itinerante, visitando, nunha primeira etapa, as cidades do Antigo Reino, tendo comezado na Catedral lucense este percorrido, e visitando posteriormente Ourense, A Coruña, Tui, Mondoñedo, Betanzos e Compostela. Nunha segunda etapa, expúxose na Sala da Xunta de Galicia en Lugo, na igrexa parroquial de Chantada, e agora inaugúrase na igrexa da parroquia de A Estación,de Monforte de Lemos.

Cada un dos paneis reflicte un aspecto deste proceso de tres séculos e medio, que comeza coa exposición desta singular historia, a inmemorial devoción polo Santísimo na cidade de Lugo, o antigo Reino de Galicia, o Memorial co que se iniciou o proceso, a escritura do donativo do Reino, a Ofrenda nos séculos XVIII, XIX, XX e XXI, Lugo como a Cidade do Sacramento, a devoción reflectida na heráldica e a perspectiva de cara ao futuro desta «chama que non se apaga».

A exposición, que foi dirixida por Xulio Xiz, coordinada por Antonio Giz, e conta coa asesoría histórica de Marcos Calles, compleméntase con fotografías e gravados alusivos a estes 350 anos de historia, e unha antoloxía de textos poéticos (cada panel, un poema) sobre o Santísimo, con obras do Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Díaz Castro, Calderón de la Barca, Angel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón e María Rosa de Vega Araújo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar