Rescatado un pescador no Grove despois de caer do barco no que navegaba e nadar ata unha batea

Un pescador foi rescatado a última hora no Grove. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o home caeu dun barco e nadou ata unha batea, onde foi recollido por unha embarcación particular que o levou ata o porto da localidade en bo estado de saúde.

Os feitos sucederon na Illa da Toxa, uns minutos antes das 20:50 horas. Nese momento, o servizo de seguridade da Toxa contactou co 112 Galicia para alertar de que foran avisados por varios veciños que, segundo indicaban, escoitaban a alguén pedindo auxilio desde o mar e, posiblemente, desde unha batea.

Con estes datos, os axentes do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero de rescate PESCA I. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención do Servizo Municipal de Protección Civil do Grove, da Policía Local e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, finalmente descartouse o trasladado do pescador a un centro médico ao encontrarse en bo estado de saúde.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar