Infrecuente, pero posible

¿É posible a amizade entre un home e unha muller heterosexuais? Trinta anos despois da estrea de Cando Harri atopou a Salli, a resposta segue sen estar clara. Ou así o afirmaba onte en Ya Es Sábado (YES) a sexóloga Aránzazu García: o 100 % de verdadeira amizade non é frecuente, pero si é posible. Mais para cruzar a raia e manter a amizade previa é preciso, sostén Nayara Malnero, a outra sexóloga consultada, unha comunicación moi clara e moita madurez emocional. 

Cinco anos antes do lanzamento nos cines da comedia romántica protagonizada por Meg Ryan e Billy Crystal, o politólogo e matemático norteamericano Robert Axelrod publicara a súa coñecida teoría sobre A evolución da cooperación (traducida ao castelán en 1986 por Alianza Editorial). Aínda que centrada en como promover a cooperación en ámbitos sociais máis extensos, como a economía ou a política, a súa tese pretende ser aplicable ás relacións de cooperación de toda caste, desde os estados ou as bacterias, ata as relacións persoais.

Deixando á marxe a máis complexa teoría de xogos na que se fundamenta Axelrod, o que sinala é que para promover a cooperación e minimizar os conflitos entre persoas (como unha parella de amigos heterosexuais) ou grupos de persoas (como os partidos políticos) é bo seguir unha serie de consellos. Por exemplo, non ser demasiado listo. É dicir, expresarse e comportarse de xeito claro e sinxelo, de maneira que as accións dos axentes implicados sexan comprensibles e predicibles para as demais persoas participantes, tal e como aconsellan as expertas para o caso concreto da amizade entre homes e mulleres heterosexuais.

Axelrod vai máis lonxe que as sexólogas consultadas polo YES, como non podía ser doutra maneira dado o formato académico do primeiro e o carácter divulgador das declaracións das segundas. Pero compre recordar os seus outros consellos para facilitar a cooperación persoal ou grupal: non ser envexoso; non ser o primeiro en deixar de cooperar; practicar sempre a reciprocidade; e xerar un entorno que permita aflorar a cooperación.

Esta é moito máis probable cando as relacións entre as persoas (como ocorre entre verdadeiros amigos) ou entre grupos de persoas (como entre os partidos que, elección tras elección, obteñen representación parlamentaria) alónganse indefinidamente no tempo, e polo tanto son interaccións que se repiten continuamente.

Nos tempos do Tinder, do partido a partido, e do curtoplacismo, a cousa se complica no ámbito das relacións persoais; como tamén se fai mais difícil a cooperación nos tempos do multipartidismo. Hai mais actores; algúns son novos; se manifestan de forma instantánea polas redes; e non se sabe se permanecerán moito tempo en escena. Ao haber máis actores, os beneficios a repartir nos xogos cooperativos (de suma positiva) tenden a ser menores para cada cooperante, o que xera un incremento da envexa. E a pouca experiencia sobre as táboas e certo comportamento errático por parte dos recen chegados dificulta poñer en práctica a reciprocidade.

En definitiva, o entorno non favorece os acordos cooperativos. Sexa entre amigos heterosexuais ou grupos políticos. Ao ser máis improbable, resulta menos frecuente. Pero segue sendo posible. Mais para cruzar a raia e manter o equilibrio, como explicaba onte no YES a sexóloga, fai falla claridade e tamén moita madurez emocional. Ou sexa: deixar os orgasmos e laios finxidos, como os de Salli, no seu estrito ámbito natural.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar