Finaliza un incendio que arrasou por completo unha vivenda e ameazou a outra lindeira en Ourol

Un incendio devorou por completo unha casa habitada na parroquia de San Pantaleón, en Ourol.

Os servizos de emerxencias traballaron desde as sete desta mañá na extinción do lume, que rematou por calcinar unha vivenda de dous andares e ameazou a outra lindeira.

Precisamente, a entidade das lapas sorprenderon aos veciños, que rapidamente contactaron co 112 Galicia para dar conta da situación. A partir de aí, activouse un operativo no que, ademais dos equipos de extinción, pediuse a colaboración dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias debido a que a casa estaba ocupada no momento de producirse o incendio.

Para facer fronte ás lapas, foron necesarios recursos do Concello de Ourol, dos Bombeiros de Viveiro e do Distrito Forestal da zona e tamén prestaron a súa colaboración os axentes da Garda Civil.  

Desaloxo dunha vivenda en Vigo
Por outra banda,  un incendio na noite de onte obrigou a desaloxar, por precaución, aos ocupantes dun inmoble na Rúa de Pizarro, en Vigo.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o lume orixinouse a causa dun curtocircuíto nunha lavadora e estendeuse á outros mobles da cociña. Ninguén resultou ferido e os veciños puideron volver as súas casas unha vez rematada a intervención.

A chamada dun particular ás 21:40 horas permitiu aos xestores do 112 Galicia coordinar un operativo que tamén contou coa colaboración dos axentes da Policía Local. Os servizos sanitarios foron informados por precaución.

Incendio nunha cociña en Sanxenxo
Outro incidente nunha cociña, a causa dun caldeiro, puxo en alerta aos servizos de emerxencia, esta vez na Rúa Sanxenxo. Ao que todo indica, as lapas afectaron unha tubaria de auga, o que provocou unha inundación na vivenda.

Ao fío das 4:30 horas da madrugada de hoxe, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa solicitando axuda para extinguir un lume que afectaba diversos mobles do seu domicilio. Indicaba no seu relato que había moito fume no interior da casa pero que non habían persoas afectadas.

Para esta intervención, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitou a colaboración do GES de Sanxenxo, dos Bombeiros do Salnés, da Garda Civil e da Policía Local.

Arde unha palloza en Narón
Un incendio calcinou por completo unha palloza da Feira do Trece, en Narón, sen causar danos persoais. Ás 23:30 horas da noite de onte, o 112 Galicia recibiu varias chamadas informando dun lume no recinto das festas da parroquia de Santo Estevo de Sedes.

De inmediato, os axentes do CIAE solicitaron a intervención dos membros do Servizo de Extinción Prevención de Incendios  e Salvamento de Narón para atallar as lapas. Polo momento, descoñécense as causas da deflagración.

Ata o punto, tamén desprazáronse os axentes da Policía Nacional e Local. Os efectivos do 061-Urxencias Sanitarias tamén foron informados por se fose necesaria a súa colaboración.

Incendio urbano en Chantada
Por último, a medianoite de hoxe, un incendio nun transformador dunha cooperativa agraria na parroquia de San Cristovo de Fornas, puxo en alerta aos servizos de emerxencia de Chantada. O aparello ardeu por completo e foi necesaria a colaboración dos bombeiros para arrefriar a zona.

Co fin de aclarar as circunstancias do suceso, desde o 112 Galicia avisouse ademais ao axentes da Garda Civil e á Policía Local. Os servizos sanitarios e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil tamén foron informados aínda que finalmente non foi precisa a súa intervención.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar