Consorcio de Santiago: Adxudicada a amplicación da ala sur de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego

Como vén sendo tradición cada 24 de xullo, coincidindo coa noite dos fogos do Apóstolo, o Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva e esta tarde o seu Consello de Administración. Ambas xuntanzas estiveron presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo. Así mesmo, asistiron a subsecretaria do Ministerio de Facenda, María del Pilar Paneque Sosa; o subsecretario do Ministerio de Fomento, Jesús Manuel Gómez García; e o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.

No transcurso das xuntanzas abordáronse temas de trámite administrativo. En particular, aprobouse a conta xeral do organismo e informouse do resultado favorable da auditoría. Pola súa parte, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, expúxolles aos membros do Consello de Administración do Consorcio os puntos máis relevantes do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, presentado a semana pasada.

O Museo do Pobo Galego

Os órganos de administración do Consorcio de Santiago aprobaron a adxudicación da obra de adecuación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval para uso do Museo do Pobo Galego, que dirixirá o organismo interadministrativo. A empresa adxudicataria é Bauen Empresa Constructora SAU, que realizará a obra por un orzamento global de 2.735.901,56 €, unha vez que nas vindeiras semanas se completen todos os trámites administrativos e se asine o correspondente contrato.

A ala sur do emblemático conxunto de San Domingos de Bonaval vaise adecuar para acoller novos espazos expositivos, oficinas e outros usos do Museo do Pobo Galego. A superficie útil resultante das obras é de, aproximadamente, 1.600 m2. A intervención vaise prolongar ata finais de 2020 e prevese que o novo espazo se inaugure de cara ao vindeiro Ano Santo 2021, unha vez completada a musealización do espazo.

Ademais da creación dun núcleo de comunicación vertical, intervirase nas fachadas desta ala sur do edificio. Así mesmo, melloraranse as condicións térmicas, con especial atención ás cubertas, que se van someter a unha renovación completa. Na obra programada polo Consorcio de Santiago inclúese a limpeza e restauración da fachada do atrio da igrexa de Bonaval, as súas carpinterías e as súas reixas históricas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar