Deputación de Ourense: Xira de “Lugares máxicos”, de Carlos Núñez

Tradición, historia, música e cultura da nosa terra son os catro elementos que se unen nos catro concertos que o gaiteiro Carlos Núñez ofrecera este verán na provincia de Ourense, co apoio da Deputación de Ourense. A xira “Lugares máxicos” percorrerá os escenarios do castelo de Monterrei e os mosteiros de Santo Estevo, Oseira e Celanova, sendo Ourense a provincia que máis concertos acolle nesta proposta musical que supón “un maridaxe perfecto entre patrimonio histórico e cultura, da man dun dos grandes referentes musicais do noso país e cun prestixio internacional gañado a pulso, como é Carlos Núñez”, destacou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, na presentación que tivo lugar hoxe no Pazo Provincial.

Baltar dixo que por terceiro ano consecutivo “temos unha cita coa música de calidade, un espectáculo único, polo que agradecemos a Carlos Núñez o seu labor nesta experiencia inesquecible en escenarios inigualables, como o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, situado na Ribeira Sacra, candidata de España a Patrimonio Mundial da Unesco, e tamén en lugares máxicos da nosa tradición histórica como son os mosteiros de Celanova e Oseira e o Castelo de Monterrei”. “Unha xira –afirmou o presidente- que só podemos cualificar cunha palabra: “éxito”, da man dun xenio e investigador da música galega, que para min é unha honra acompañar hoxe para presentar esta serie de concertos”, afirmou Manuel Baltar.

Pola súa banda, Carlos Núñez, dixo sentir algo especial nestas actuacións “porque con elas estamos a facer tradición, algo que vemos que está a volver á xuventude de hoxe en día, o tradicional, un aspecto que Galicia, e sinaladamente, Ourense pode liderar en toda España”. O músico dixo que o gran tesouro que temos na nosa terra “é que mantemos vivas as tradicións e o noso patrimonio histórico” e con elo “dámoslle vida ao rural, levando música a lugares marabillosos”.

Neste sentido, Núñez agradeceu ao presidente Baltar “que continúe apoiando este xeito de facer cultura, porque é un sistema novo que xa están tentando poñer en práctica noutros lugares de España”, e explicou que cada un dos catro concertos que ofrecerá en Ourense será diferente, contando con especialistas de música medieval que veñen de Irlanda, Suiza e de Estados Unidos. “Oseira, por exemplo, é un lugar que pola súa reverberación pide pezas de longo desenvolvemento, sinfónicas, mentres que no Castelo de Monterrei é ao aire libre e permite un concerto máis musculoso; en Santo Estevo destaca o marco incomparable das estrelas e do seu claustro gótico, para poñer enerxía na interpretación; e, por suposto é de salientar a elegancia de Celanova, que é como tocar en Viena. Cada un destes lugares ten unha personalidade propia”.

A xira na provincia de Ourense comeza o 25 de xullo, no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, continuando o 27 de xullo no mosteiro de Oseira; o 3 de agosto no castelo de Monterrei, e remata o 12 de agosto no mosteiro de Celanova.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar