Alfredo Conde regresa ás librarias con «Un vento que pasa»

Alfredo Conde regresa ás librarías con Un vento que pasa

Cinco anos despois da súa última publicación, Alfredo Conde volve ás mesas de novidades na colección Literaria de Galaxia con Un vento que pasa, unha novela que fai xurdir a farsa cruenta da vida. 

Un vento que pasa é «unha esaxeración propia dun vello consentido». A historia dun home enfermo que, na fin da súa vida, escoita os relatos que lle contan os seus compañeiros de doenza mentras lembra e debulla a súa propia peripecia. A historia da postración e soidade do protagonista contada dende o cinismo e o sarcasmo. Un home «atado a si mesmo», un «ser atravesado» que soamente posúe unha certeza, a constancia dos seus erros. Conde presenta a un narrador escéptico e sagaz para quen a sabedoría é ao tempo condena e salvación. Ás veces obscena, outras cunha ironía clarividente, o ton confesional desta novela fai abrollar a farsa da vida. Unha farsa que, dosificada, acaba por tinguilo todo cun aquel patético, absurdo e, precisamente por iso mesmo, verdadeiro. 

Alfredo Conde (Allariz, 1945) é un dos narradores galegos máis recoñecidos polo público lector. Tres veces membro do Parlamento galego, foi conselleiro de cultura en diversos xornais galegos e españois. Os seus primeiros pasos no campo da literatura deunos como poeta ao publicar en 1968 Mencer de lúas. Coa súa novela Xa vai o griffón no vento obtivo o Premio Nacional de Literatura no ano 1984, primeira vez que ese galardón se lle outorgou a un autor galego; con esa mesma obra tamén gañou o Premio Blanco Amor e o Premio da Crítica española e, posteriormente, en Italia, o Premio Grinzane Cavour á mellor novela estranxeira. É autor de libros de relatos como Mementos vivos (1974) e Música sacra (1989), e de novelas como Breixo (Premios da crítica galega e española, 1981), Memoria de Noa (Premio Chitón, 1982), O fácil que é matar, Azul Cobalto e Romasanta. Con Los otros días, escrita en castelán, recibiu o premio Nadal no ano 1991. Entre 2006 e 2014 publicou as novelas Lukumí, María das Batallas, Chovida do ceo e O beato. Recibiu tamén os premios de xornalismo Fernández Latorre e Julio Camba.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar