Pedro Puy demanda a transferencia á Xunta dos 700 millóns de euros que lle debe o Goberno do Estado

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou que “o máis importante, desde o punto de vista do autogoberno de Galicia, é que o Goberno do Estado transfira á Xunta os 700 millóns de euros que lle debe das entregas a conta de 2019, a devolución da mensualidade do IVE de 2017 e ao incentivo ás comunidades autónomas cumpridoras”.

Así mesmo, incidiu que o PPdeG demandará no Pleno desta semana que o Goberno socialista garanta carga de traballo suficiente para os estaleiros de Navantia na ría de Ferrol.

Pedro Puy lembrou que a sesión plenaria tamén incorpora o debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de Administración Dixital de Galicia, que consolida un proceso de reforma administrativa amplo que se levou a cabo desde 2009 coa aprobación da Lei de organización e funcionamento da Administración (2010), a Lei de racionalización (2013); a Lei de garantía de calidade da administración e dos servizos públicos (2015); e a Lei de transparencia e bo goberno (2016).

DIXITALIZACIÓN DA ADMINISTRACIÓN

Esta novo texto lexislativo “blinda legalmente os mecanismos de dixitalización implantados nos últimos anos, ao tempo que aproveita esta dixitalización da administración para cambiar a maneira de prestar servizos aos cidadáns, pasando a un modelo máis proactivo e que utilice os datos que manexa a cidadanía para facilitarlle, previo consentimento, eses servizos”, manifestou.

O portavoz popular centrouse na proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular para que “a Administración do Estado transfira a Galicia, en cumprimento de normas xa aprobadas, 700 millóns de euros, dos que 330 corresponden ás entregas a conta de 2019; 200 millóns da devolución da mensualidade do IVE de 2017; e os outros 170 millóns da compensación ás comunidades autónomas cumpridoras”.

Puy explicou que tanto as entregas a conta como a mensualidade do IVE figuran nos orzamentos da Xunta para o presente exercicio, polo que a súa falta de transferencia “pode xerar problemas na Tesourería da Comunidade Autónoma, pero tamén problemas para o Estado, porque de non facer a transferencia na anualidade que lle corresponde se atoparía cunhas liquidacións positivas para o ano que vén que tamén lle poden xerar tensións na súa tesourería”.

Así mesmo, Pedro Puy salientou a importancia que teñen estas transferencias desde o punto de vista do exercicio de autogoberno, xa que poderían afectar á “capacidade que ten a Xunta de seguir prestando os servizos públicos sen tensións na tesourería, así como seguir pagando aos provedores como a comunidade máis rápida de España”.

CARGA DE TRABALLO PARA NAVANTIA-FERROL

O portavoz popular referiuse, ademais, á segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular na sesión plenaria e que ten que ver coa situación que se está a xerar nos estaleiros de Navantia da ría de Ferrol. Neste sentido, lembrou que “o adiamento inxustificado por parte do Goberno socialista na sinatura do contrato para a construción das fragatas F-100, que levou a cabo xusto antes das eleccións, ao que se suma a decisión de desprazar carga de traballo dos estaleiros de Ferrol cara aos estaleiros de Cádiz en materia de eólica mariña, motivou que a actividade nos estaleiros ferroláns estea comprometida a partir do vindeiro ano e ata que no 2022 se inicie o corte de chapa das novas fragatas”.

“Esta situación vai afectar non só ao traballo dos propios estaleiros de Navantia da ría de Ferrol, senón tamén á industria auxiliar que traballa para esta factoría, polo que desde o PPdeG consideramos importante que o Goberno central busque unha solución ponte ata que se poña en marcha a construción das fragatas”, engadiu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar