Dialogar e negociar

Se calquera de vostedes, amigos lectores, vai ao dicionario da lingua atópase con que cooperar é un verbo intransitivo que quere dicir: “xuntar a propia acción, influxo ou medios cos doutro ou outros para acadar en común un determinado fin”. Precisamente aí, no fin está a cuestión, a oportunidade de cooperar ou simplemente pasar de largo. Seguir por rutas enfrontadas e falar, falar e falar, sabendo –como saben case todos- “que o falar non ten cancelas”, aínda que moitos falen, por non estar calados. A palabra gústalles a algúns políticos, pero o feito, non tanto. A uns gústalles e a outros non. 

Non, non e non non sempre son non. Incluso, algunhas veces, a pesar da reiteración,  non negan nada, son como fórmulas pedantes de solicitar o si. Si quero, si prometo, si xuro, si señor! Si, sen máis. Cooperación e colaboración son o mesmo, tanto cando pensamos na política como se falamos de negocios. Sempre e en tódalas circunstancias. E, que quere dicir coalición, esa que uns queren e outros non. Depende, amigos. Tampouco é o mesmo para todos. En política a coalición é como a unión, a asociación de partidos ou grupos cun fin común, aínda que sexa co fin de gobernar ou de cooperar.

Colabora o gato co cadelo? Pois si. No que lles interesa a ambos colaboran con disposición e con eficacia. Cando non, rosman os dous, andan de refrega e liorta continuada, emperiquitados e cos pelos de punta embravecidos, sen importarlles a imaxe noxenta que transmiten aos outros cadelos e gatos. A coalición é unha alianza que, en termos políticos, emerxe como froito do diálogo e do entendemento entre aqueles con afán de cooperar nus obxectivos e no benestar da cidadanía, á que representan. Aquí as barbas, os pelos e os morros enfurecidos quedan exentos de valor.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar