Os que perderon a Guerra, perderon a Transición

Non escriban que ao despertar «o franquismo seguía aí». Pode ser moi literario, pero non é certo. Sabíamos que estaba…, presente!. Cando proxectamos o documental de O Piloto en Monforte, o meu pai atopábase no hospital no que sería o seu leito de morte. Aquela noite non quixo tomar as medicinas nin durmir, agardando que eu chegase. Tiña medo a que me pasase algo e quería deixarme un último consello:

-Ten moito coidado. O franquismo nunca foi derrotado, aínda está aí e non perdoa, nunca perdoaron, aos que se enfrontan a el. E eu, eu, meu rapaz…, xa non vou estar aquí para valerche. -Pechou os ollos e vin como lle esvaraban dúas bagoas. Soñou toda a noite en alto cos paseadores, citando polo nome aos camisas negras de Monforte e de Bóveda. Ao dia seguinte morreu.

Pero o franquismo non morreu coa morte de Franco.

A recente sentenza do Tribunal Supremo ven non só a lexitimar a ditadura e o golpismo, senón que tamén lle outorga carta de natureza xurídica ao discurso fascista español.

Di a sentenza: «Franco foi xefe do Estado desde o 1 de outubro de 1936», o día que, precisamente, os sublevados o nomearon xeneralísimo e xefe do Estado.

«Medida insólita», denominan Xuices e Xuizas para a Democracia, a suspensión cautelar da exhumación dos restos do ditador.

Medida en consonancia cunha corrente política que algúns cualifican de «revisionista», pero que é a oficial, que xustifica non só o golpe de Estado de 1936, senón tamén a ditadura e todas as medidas que levaron aparelladas, porque foron necesarias «para salvar a patria».

E non sucede por que si. Senón a causa de que a tan louvada Transición non rachou co franquismo, senón que optou por un pacto continuista, equiparando a verdugos e a vítimas, a insurrectos e legalistas… e vendéndonos unha Lei de Amnistía que, en teoría, beneficiaba aos loitadores pola democracia, pero que estibo dirixida a salvagardar fortunas, actuacións e borrar os crimes dos sublevados e os lacaios.

Aínda hai moitos franquistas «demócratas» que nunca condenaron nin a ditadura nin a Franco, e unha ditadura non desaparece se non o fai a idea sobre a que foi construída. Aquí non pasou como en Alemaña e Italia na que a maioría se defendeu cun : «non sabíamos, fomos enganados, críamos de boa fe…». Os que gañaron a Guerra, gañaron tamén a Transición!

Non se trata só de que o Supremo frease a aplicación dunha lei aprobada nas Cortes, nin que antepuxese os intereses particulares dunha familia por encima de centos de miles de vítimas…

Non, o franquismo simbólico, as veces disfrazado de españolismo, é a argamasa de toda a dominación e a minorización que aplica o Estado español.

Xornalista

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar