Facer municipalismo ou facer País

A- A+

LOGO das elección xerais quedou demostrado que o denominado «espazo rupturista», que representaba Podemos se converteu na «pata pequeniña do PSOE», en axeitadas verbas de Iñigo Errejón. Non hai máis que velos devecendo por entrar nos gobernos a deshora.

As eleccións municipais en Galiza tamén deixan en evidencia que o outro nome co que o bautizaran, o de «espazo de unidade», so é unha nunha nomeada.

Se hai, ímoslle chamar, «movemento político» que dera máis mostras auténticas de división, desde o mesmo momento da súa creación, foi a organización a que, finalmente, chamaron En Mareas. E xa non é que, agora, se presenten en 15 municipios por duplicado, cando non triplicado, senón que non teñen implantación nas dúas terceiras partes do País.

Un proxecto político precisa de militancia. E máis se pretende ser maioritario.

Os escindidos do BNG poden comprobar agora, se queren, a súa errada aposta, tanto estratexia como táctica, nas súas arelas de acadar gobernos.

O nacionalismo galego lograra crear un panorama político propio, constituíndose como o terceiro polo en discordia: dereita, esquerda e nacionalismo galego.

Iso rachárono, volvendo aos anos setenta do século pasado, os que situaron no mesmo plano a esquerda e o nacionalismo. Déronlle así entrada no panorama político galego as forzas estatais de esquerdas que, entraron a saco no electorado nacionalista.

E, como se viu nestas dúas últimas eleccións, non podía ser doutro xeito, cando Podemos e EU puideron emanciparse e montar candidaturas propias, fixérono. Non o ían facer, está na súa esencia.

O outro grande erro desde espazo «rupturista e unionista», foi apostar polo municipalismo e, aínda, o localismo.

Esqueceron unha máxima do nacionalismo galego, que algúns deles a repetiran moito tempo: «o ámbito local ten sentido se obedece e está ao servizo do País».

Ou, en palabras de Anxo Quintana cando era alcalde de Allariz e que aínda repite agora: «non somos municipalistas, somos nacionalistas».

Así, o BNG sempre apostou por facer no local, o que pretenden facer en todo o País.

E iso non se logra con candidaturas municipalistas, nin con proxectos persoais, senón colectivos, de partido. Porque Galiza precisa crear institucións e non só realizar xestión.

Bos xestores municipais pode habelos en calquera formación política. A diferenza está en base a que postulados políticos se realiza esa xestión: cales son as prioridades e como se chegan a fixalas e a realizar as apostas, políticas, por suposto, necesarias.

Pois unha cousa é traballar polo mundo local e a outra ter un proxecto de futuro para o País.

Así as cousas, ten sentido que quen se declare nacionalista aposte por candidaturas municipalistas?

Afonso Eiré é xornalista

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar