A XXIX do Premio «Xosé Aurelio Carracedo» recae no xornalista Javier Fraiz

O xornalista José Javier López Fraiz (Javier Fraiz) recibiu o XXIX Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, na súa edición 2019, dotado con 3.000 euros e diploma, un certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade. No acto, celebrado no Salón de Plenos do Pazo Provincial, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández entregoulle o galardón ao premiado acompañado por representantes institucionais, sociais e culturais, así como por membros do xurado, familiares de Xosé Aurelio Carracedo e representantes dos ámbitos xornalístico, cultural e social.

O xurado ditaminou conceder o galardón a Javier Fraiz pola súa serie de artigos publicados no xornal Faro de Vigo ao longo de 2018, un traballo cualificado como “rompedor” co xornalismo clásico, “tratando de igual a igual a escrita literaria e informativa nun equilibrio perfecto”. Así mesmo, o xurado salientou do traballo premiado o feito de ser “pezas literarias baseadas na realidade do día a día”, salientando “o estilo propio e definido co que as executa, o que se aprecia de maneira constante en todos os artigos”. Así mesmo, subliña “os bos desenlaces” dos artigos e a circunstancia de que acheguen “datos e información, arroupados por unha escrita literaria; unha perfecta conxugación entre o literario e o xornalístico”.

O vicepresidente da Deputación de Ourense lembrou que o Día Mundial da Liberdade de Prensa, que neste 2019 se celebra baixo o lema “Medios para la democracia: periodismo y elecciones en los tiempos de la Desinformación”, lembra a importancia do dereito á información “clave para consolidar a democracia”.Neste contexto -engadiu Rosendo Fernández- o Día mundial da Liberdade de Prensa 2019 aborda, entre outros temas, os efectos da era dixital sobre comunicacións, de maneira no que o periodismo profesional pode desenvolver un papel máis visible e competir cun contido emotivo, información e mensaxes privados nas “Redes sociais” durante as eleccións.

Neste mesmo sentido, o vicepresidente do goberno provincial afirmou que promover a liberdade de prensa é “promover o dereito á verdade. E baseándose nesta máxima a Deputación de Ourense creou o premio Xosé Aurelio Carracedo, que xa vai na 29ª edición, e que leva o nome dun xornalista de raza”.

A liberdade de expresión é “un dereito humano, consagrado no artigo 19 da Declaración Universal de Dereitos Humanos. É unha pedra angular de boa gobernanza, e desenvolvemento sostible, sen embargo, cada dia no mundo xornalistas e traballadores dos medios de comunicación son obxecto de ataques.Por iso hoxe, no día mundial da liberdade de prensa, lembramos a Xosé Aurelio Carracedo, escribindo con letras maiúsculas verbas como: Liberdade, Compromiso e Vocación”, engadiu Rosendo Fernández.

Pola súa banda, Javier Fraiz afirmou que recibir este galardón é “unha ledicia evidente e un acicate persoal, pero en especial supón unha responsabilidade”, explicando que quen logra un premio ten “o deber de estar á altura de moitos outros que o merecen tanto ou probablemente máis”, lembrando aos compañeiros de profesión, sendo algúns deles “auténticos referentes que me guían coma un faro”.

O premiado tamén tivo palabras para Xosé Aurelio Carracedo a quen “non tiven a sorte de coñecer, pero que segundo me contan algunhas persoas que traballaron con el aquí en Ourense, era una boa persoa. Esa, con alta probabilidade é a mellor cualidade para ser un bo xornalista”. Así mesmo, Javier Fraiz, quen reivindicou o valor do xornalismo local, falou da situación actual que está a vivir esta profesión que “está sometida a unha avaliación constante. Non é unha profesión infalible nin ten por qué selo. A única premisa debe ser a honestidade e a única meta, buscar a veracidade”.

Asemade, Javier Fraiz agradeceu ao xurado do premio que valorara “o equilibrio entre xornalismo e literatura na serie de artigos que presentei ao certame. Son pezas con opinión, un xénero un tanto maltratado polos estereotipos” e explicou que se trata de “dez textos feitos desde as emocións, o gran combustible creativo, o nutriente que fai agromar as mellores frases”.

No acto participou Clara Carracedo, irmá de Xosé Aurelio, quen felicitou ao premiado polo “interesante traballo realizado que non sería posible sen a liberdade de prensa, que hoxe tamén celebramos”. Así mesmo, Carla Carracedo agradeceu á Deputación que manteña este premio “que leva o seu nome e que aposta pola liberdade de opinión e polo amor pola terra”.

Javier Fraiz (Ourense, 1986) é licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Traballa desde 2009 na edición ourensá de Faro de Vigo. Ten colaborado con Onda Cero, Radio Nacional de España (RNE) e a axencia EFE. Durante dous anos foi cronista musical, especializado en jazz e música independente, para Son Estrella Galicia e o ciclo de jazz 1906.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar