Feijóo en Vilalba:O PP é garantía de xestión «ante un Sánchez co mesmo programa que Zapatero»

O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o Partido Popular é garantía de xestión ante un Pedro Sánchez co mesmo programa que José Luis Rodríguez Zapatero pero co dobre de frivolidade e a metade de principios.

Tal e como sinalou nun mitin celebrado en Vilalba, España vai ter que volverse enfrontar a unha desaceleración para a que hai que estar preparados, lembrando que no conxunto do Estado segue a haber un problema de emprego, especialmente xuvenil, cunha tendencia que volveu ser negativa estes meses e para a que Pedro Sánchez demostrou non ter solucións. “É preciso ter a garantía dun goberno que axuda a crear emprego” dixo o líder dos populares galegos, ao tempo que salientou que hai un partido que sempre deixa o país con máis traballo, o PP, e outro que sempre o deixa con menos, referíndose á formación socialista: “España non pode tropezar por terceira vez na mesma pedra do paro que é o PSOE”.

Ademais, expresou que hai que garantir o cobro das pensións “e isto non son só palabras, isto é xestión”, recordando tamén que só con Zapatero se chegaron a conxelar.

No que respecta á desigualdade no acceso aos servizos públicos, Feijóo lamentou que continúe a haber un financiamento autonómico que esquece aos veciños dos pequenos concellos, que foi o que pactou o PSOE cos independentistas cataláns. Polo que, agora que o independentismo de Cataluña quere aínda máis, ten ao PSOE disposto a darllo mentres segue discriminando ao rural galego. Nese senso, engadiu que cos socialistas temos “menos Galicia e menos España” e incidiu na necesidade de ter un goberno para todos os españois.

De igual xeito, apuntou que en España segue a haber diferenzas en infraestruturas. De feito, destacou que Galicia leva 27 anos esperando por un AVE, mentres que en Andalucía chegou no 1992 e en Cataluña, hai máis dunha década. Para Feijóo, este déficit non se arranxa cun Executivo central que presuposta na nosa Comunidade un 30% menos e lle aumenta un 60% en lugares onde xa teñen esas infraestruturas, senón que se acada “cun Goberno que cre en Galicia e nunca un Goberno investiu tanto en Galicia como o PP”.

O PP, O ÚNICO QUE PROPÓN GOBERNAR


Durante a súa intervención, o presidente sinalou que a importancia duns comicios non radica en derrotar ao adversario ou en acadar máis escanos ou en que a combinación duns partidos ou doutros dea unha maioría, senón en que, ao día seguinte das eleccións, “hai que gobernar este país hai que ter ideas, proxecto, propostas, experiencia e equipos”.

Segundo explicou, hai un PSOE que prefire que non se fale disto porque quedan ao descuberto todas as súas carencias, ao mesmo tempo que o resto de partidos non aportan solucións porque o seu obxectivo só é influír ou mandar o máis posible pero non xestionar. Pola contra, subliñou que só hai unha formación que, máis aló do ruído da campaña, está propoñendo un goberno que goberne: o Partido Popular.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar