Feijóo impulsa o entendemento entre políticos e xornalistas nos Premios “Puro Cora”

  • O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a misión común de periodistas e políticos de manter os vencellos comunitarios. “Tanto as institucións políticas como os medios de comunicación son puntos de encontro onde o eu se transforma en nós”, aseverou.

Durante a celebración do XXVI edición do premio xornalístico Puro Cora, Feijóo afirmou que o periodismo democrático e a política democrática son forzas que fan que individuos que non se coñecen, teñan en común afectos, inquedanzas e obxectivos, e se convertan nunha forza extraordinaria. “Ese nós non existiría sen periodismo e sen política. E tampouco o periodismo e a política serían posibles sen a primeira persoa do plural”, sinalou, incidindo en que cando ese nós se cuartea, se fragmenta e se atomiza, a comunidade como tal desaparece “e iniciamos o retorno ao tribalismo”.

Nesta liña, sostivo que se se examinan os procesos destrutivos que teñen lugar ao noso redor, na súa orixe sempre hai políticos que queren fuxir da realidade e “tamén, ás veces, hai persoas que traballan na incomunicación”. “De aí que sexan tan necesarias esa sensatez e sentido común que o premio Puro Cora recoñece en Lucía Méndez”, dixo, referíndose á traxectoria da galardoada.

Así mesmo, precisou que a solución que historicamente propón a democracia, en contraste con sistemas en aparencia máis resolutivos, nunca é perfecta e satisfactoria para todo o mundo, nin contenta plenamente a uns nin frustra completamente aos outros; “é un permanente compromiso, unha negociación interminable, un diálogo sempre aberto”, sinalou.

O presidente da Xunta concluíu destacando o labor das mulleres e homes de El Progreso que erguen día a día un periodismo sen fronteiras co que se pode entender o mundo. Así, lonxe de ser un hándicap vivir apegado ao máis próximo, Feijóo aseverou que, máis ben, é unha vantaxe que nos permite estar máis atentos aos cambios, anticipalos e non ter que explicar despois por que non sucedeu aquelo que ía suceder.

Sobre este punto, recordou tamén que a política concreta fai posibles consensos que son moito máis arduos na política meramente ideolóxica ou simbólica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar