Yosi, protagonista dos Suaves anos despois

«Dos suevos a Los Suaves, poderíamos resumir este período milenario da historia de Ourense, contando hoxe aquí con Yosi Domínguez como protagonista, que segue axigantando a lenda do seu mito», expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no multitudinario acto de presentación do libro Canciones, algún desliz y dos o tres fotografías, do que é autor o líder de Los Suaves, actividade celebrada esta mañá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense. A obra recolle en dous volumes a traxectoria literaria, musical e gráfica dun dos máis grandes do rock en español: Yosi Domínguez.

«Los Suaves, Yosi, -expresou Baltar- dezaséis séculos despois dos suevos conquistaron o rocanrol con LP’s inesquecibles e cunha potente posta en escena que os elevou á categoría de mitos, sen discusión algunha», engadindo que Yosi, e polo tanto Los Suaves, «teñen na Deputación de Ourense que me honro en presidir ao primeiro seguidor, porque recoñecemos unha traxectoria sen par, sempre marcada polo orgullo de pertenza a Ourense, a bandeira que nunca deixaron de ondear; por iso son Medalla de Ouro da provincia, porque Los Suaves e Yosi son de ouro, ouro de Ourense», remarcou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial destacou que «Yosi é o noso Dylan, ou quizais deberíamos dicir que Dylan é o Yosi norteamericano», remarcando que cada día que pasa «o seu corazón de rock segue latexando e a súa lenda axigántase, grazas á súa música e ás súas letras que son obras de arte, poesía da boa, interpretada coa inconfundible forza de Yosi».

«Estamos a vivir o «Día de San Yosi» e a «Yosimanía», afirmou Manuel Baltar, quen rematou a súa intervención dicindo que hoxe o león da bandeira de Ourense é un gato, que non leva espada senón harmónica; maúlla e chámase José Manuel Domínguez Álvarez».

Pola súa banda, Yosi, agradeceu as mostras de cariño e confesou que «o gusanillo de volver sempre está aí», e en relación ao libro afirmou: «Deixo algunha que outra canción e que elas falen por min». «Este é un día especial e quero agradecervos a todos a vosa presenza, sei que moitos chegastes de lugares moi lonxanos para estar hoxe aquí, movidos pola vosa amizade, e como este libro escribino para amigos, agardo que me xulguedes como iso, como un amigo», expresou Yosi. «Escritores, pintores, debuxantes, poetas, fotógrafos, quero agradecer a todos os que participaron neste libro, poñendo a alma nel», dixo.

O acto contou tamén coa participación do actor Manuel Manquiña; do historiador Afonso Vázquez Monxardín; do escritor Bieito Iglesias; e do vocalista de «Obús», Fortu Sánchez, quen expresou o sentimento unánime de todos os presentes: «Todos desexamos a túa volta, Yosi, eres moi importante para o rocanrol».

O libro, editado pola Deputación de Ourense, consta de dous volumes: un coa poesía e as cancións de Yosi e o segundo, con fotografías, documentos e artigos de opinión sobre a traxectoria do rockero. «Un culto libro de culto», como o definiu Alfonso Vázquez Monxardín.

A parte musical da presentación estivo a cargo do grupo de rock Derroche, quen tocou dous temas de Yosi: «Por una vez en la vida» e «Siempre igual», cantada polo propio Yosi, quen, a petición do público, agasallou a todos interpretando dito tema.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar