En Marea traballa nun programa electoral

En Marea celebrou en Vigo unha sesión de traballo colaborativa e aberta, que permitiu á formación recoller as achegas da cidadanía para o deseño dun programa electoral pensado para mellorar o benestar do conxunto das galegas e galegos. A través de diferentes grupos de traballo, a formación avanza así na elaboración dunha folla de ruta que quere servir para aportar solucións reais ás preocupacións da rúa. E coa que En Marea aspira a derrogar as reformas laborais ou a Lei Mordaza para recuperar dereitos e garantir a calidade de vida perdida nos últimos anos.

En Marea preséntase ás eleccións xerais do 28 de abril como “a única forza política que, co seu programa electoral, será capaz de ofrecer unha solución determinante para a mellora do benestar do conxunto das galegas e galegos”. Así o destaca o voceiro da formación Luís Villares, que incide na necesidade de avanzar para deixar atrás os tempos dos recortes e as políticas do PP, que supuxeron claros ataques contra os dereitos e liberdades da cidadanía. Medidas “como a Lei Mordaza, aquelas que nos impediron expresar na rúa aquelo que queríamos contar, aquelas que privatizaron servizos públicos e crearon máis exclusión social que nunca. Pero tampouco valen cheques en branco ao Partido Socialista. Por iso En Marea preséntase como a única forza política galega capaz de determinar en positivo a gobernabilidade do estado. Unha forza que vai ser capaz de derrogar a Lei mordaza e as reformas laborais”.

O voceiro de En Marea destacou a elevada precariedade laboral actual, e apuntou dramas como o despedimento de case 1.000 traballadoras de Bosch en Vigo; “consecuencia directa dunhas reformas laborais feitas polo PP e polo PSOE”. Unha precariedade que, tal e como destaca Luís Villares, afecta sobre todo ás mulleres.

A regulación do mercado eléctrico e a fixación dun marco que permita rematar coa estafa que mes tras mes sufre a cidadanía a través da factura da luz será outro dos obxectivos de En Marea. “Falamos da necesidade de acabar cunhas políticas que levan a que as empresas eléctricas se beneficien dunhas condicións de mercado que poñen en risco de futuro empresas electrointensivas como Alcoa. E que ademais supoñen unha estafa a final de mes a todos os fogares galegos. Contra a postura de Núñez Feijóo que di que non se pode facer nada con relación ao mercado eléctrico, queremos dicirlle que non é verdade”, indica Villares. Que lembra que xa a principios do ano pasado En Marea pediu un cambio na regulación do sector eléctrico que foi votada en contra polo PP, daquela no goberno. “Naquel momento o PSOE votou a favor, pero co cambio que levou a Pedro Sánchez á presidencia do estado mudou de postura e entón foi o Partido Socialista o que votou en contra, e o Popular a favor. A única forza política coherente nestes dous anos foi En Marea, que sempre se mantivo na necesidade de regular o sector eléctrico para contar cuns prezos competitivos igual que no resto de Europa”.

O voceiro de En Marea tamén destacou a necesidade de seguir avanzando na recuperación de memoria democrática. “Que non é só o Val dos Caídos. É tamén Meirás. E iso foi esquecido nunha axenda do PSOE que non era a axenda de Galicia”. Luís Villares lembrou o nulo compromiso do goberno de Pedro Sánchez con Galicia. “Por iso En Marea votou en contra duns orzamentos que non respectaban aquelo que era esencial para o desenvolvemento da área metropolitana da Coruña, como a comunicación do porto exterior, a rexeneración da ría do Burgo ou a débeda do porto. E que tampouco seriviron para vertebral correctamente a área metropolitana de Vigo nin para dar unha saída ferroviaria a esta cidade cara ao sur”.

Pola súa banda, a candidata de En Marea ao Congreso pola provincia da Coruña puxo o foco na mocidade e nas muilleres, “que padecen especialmente a situación de desigualdade e precariedade laboral. Unha xeración que é o futuro sen futuro”. Iris Malvido expresou o seu compromiso de traballar para facer posible un futuro mellor, frear a emigración forzada que afecta ás mozas e aos mozos galegos e rachar cos teitos de cristal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar