Feijóo: “Vivimos nun país que é imparable cando está unido”


O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, avogou porque Galicia e España revaliden a súa confianza no PP, o partido que mellor garante a unidade territorial, social e política do país. Por iso, apostou por ela fronte aos que “pretenden clasificarnos como bos ou malos cidadáns, segundo o que pensemos, o que digamos ou o que votemos; fronte aos que cren que é incompatible coa diversidade e fronte aos irresponsables que queren polarizar para gañar votos”.

Así, dixo que é moito máis o que os galegos e os españois poden conseguir cando avanzan unidos. Neste senso, Feijóo fixo referencia a que unida España superou a peor crise da súa historia, pasou do récord de paro a crear emprego de xeito constante e sostido, converteuse nun exemplo de superación para o mundo enteiro, situouse á vangarda da Europa en crecemento económico e logrou salvar o Estado do Benestar e saír da recesión cun servizos públicos mellores.

“Vivimos nun país que é imparable cando está unido e, precisamente por iso, aos que lles molesta o que somos queren dividirnos e separarnos”, recalcou o líder do PPdeG, quen apuntou que a política responsable é aquela que permite estar de acordo co rival, cando o que está en xogo é o progreso do teu país.

A POLÍTICA DEBE TENDER NOVAS PONTES


O presidente dos populares galegos, que participou nun mitin en Monforte xunto ao candidato á Alcaldía, Miguel Lemos, e á presidenta provincial, Elena Candia, fixo fincapé en que a política debe, ademais, tender pontes e non novas trincheiras como fai Pedro Sánchez ao converter o Consello de Ministros nun mitin do seu partido cada venres.

Así, sinalou que o vindeiro 28 de abril é a oportunidade para “dicir ben claro que España é moito máis que o PSOE”: “O Boletín Oficial do Estado non é o seu programa electoral, os Ministerios non son ferramentas de propaganda e os procesos democráticos non son unha triquiñuela que poida usar o PSOE para manterse no poder”.

Tal e como salientou Feijóo, un presidente do Goberno debe ser un home de Estado, o partido que está gobernando debe antepoñer os intereses xerais aos seus intereses partidistas e os Gobernos teñen o cometido de garantir a estabilidade, para que os cidadáns poidan vivir e traballar con tranquilidade. Neste punto, sostivo que tanto Pedro Sánchez, como o PSOE e como o Goberno fan exactamente o contrario do que un presidente, un partido e un Executivo deberían ser e facer.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar