Un 15-M para salvar o mundo

Din que todo comezou en agosto do ano pasado cando unha nena sueca de 15 anos, Greta Thumber, decidiu acampar fronte ao Parlamento daquel país para protestar ante a falta des resposta política fronte ao cambio climático.

Dino pero non é certo. A Folga Internacional Climática que tivo lugar onte en case todos os países do mundo occidental, Galiza incluída, é o paso da conciencia a acción que dá unha xeración.

O cambio climático é a primeira preocupación do movemento estudantil europeo que, até de agora, só se manifestaba nas redes sociais. O paso as reflexións colectivas que se produciu nós últimos meses e as protestas de onte, abren unha nova dinámica.

En certo xeito, esta nova xeración sepárase dos movementos ecoloxistas tradicionais e do seu famoso lema Pensa globalmente, actúa localmente.

Poida ser que a ameaza global que afecta ao planeta, ameaza que incide no seu futuro moito máis que no das xeracións anteriores, os leve a formular propostas globais esquecendo de actuar localmente. Pero, seguramente, ese será o seu posterior paso, todo dependerá se as multinacionais do ecoloxismo conseguen deturpar este movemento que, cos das mulleres, poden dar lugar a grande revolución mundial que necesita o século XXI.

O de Pensar globalmente, actuar localmente foi algo que caracterizou ao ecoloxismo galego, xa antes de crearse este lema.

Un ecoloxismo que forma parte intrínseca e consubstancial do nacionalismo e que une a defensa da terra e do territorio, coa da identidade, todo pensado para un mellor vivir das clases populares, pois son estas o cerne da súa atención e da súa preocupación.

O ecoloxismo galego, fronte a outros, como o das multinacionais ecoloxistas, sempre tivo un claro compoñente de clase ligado a un país.

Foi esta idea de ecoloxismo o que marcou as grandes loitas do nacionalismo galego, comezando pola oposición ao encoro de Castrelo de Miño. Alí foi onde se deu a coñecer a UPG, apoiada, todo hai que dicilo, por Euloxio Gómez Franqueira, o fundador de Coren.

No ano 1974 creouse a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, incentivada por xentes do PSG. A maioría dos fundadores acabarían militando logo no PSOE, pero Adega continuou a súa l­oita cun claro carácter nacionalista na súa concepción.

No 1981, Adega, presidida por Xosé Luís Fontela, comeza unha campaña de prensa contra os vertidos nucleares na Foxa Atlántica, a só 700 quilómetros das costas de Galiza. A loita contra estes vertidos supuxo un fito no ecoloxismo europeo, todo un exemplo… E unha grande vitoria a súa paralización, da que ninguén semella lembrarse 25 anos despois. E non, os bidóns radiactivos non dormen en paz.

 

Afonso Eiré é xornalista

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar