Vilalba: Véndese un pazo

Para os vilalbeses de onte, o Paseo do Conde era un paraxe singular existente preto da estrada a Baamonde, que as obras desa mesma estrada cortaron, deixando a cada lado aquel magnífico paseo arborado que ia desde o Pazo situado no alto ata as inmediacións do río, que era imaxe clara do poder do conde que tiña paseo delimitado por árbores, suponse que todo dentro das súas propiedades, para non ser molestado no seu lecer.

E no alto, o magnífico Pazo de Penas Corbeiras, que non tiñamos idea que fose dos Basanta, que logo serían amigos, e sempre imaxe de vilalbeses modélicos na devoción pola súa terra.

Cando na Academia Santa María, xa nos cursos altos, non tiñamos gañas de ir a algunha clase das tardes soleadas da primavera, deixábamonos ir cara ao río, á altura do paseo do Conde. Iamos en pacíficas e inocentes incursións mixtas, que rapaces e rapazas tiñamos o mesmo anceio de liberdade por unhas horas, non prestando máis atención ao pazo do Conde que a de constatar que xa estábamos lonxe da vixianza dos profesores da Academia para tumbarnos á raxeira e contemplar a natureza.

Tiveronn que pasar moitos anos para saber que aquel Conde orixe do paseo e da casona era Luis Vazquez de Parga, Conde Pallares, do que Google di que ten 617.000 referencias, vilalbés ilustrado, con rúas en Vilalba e en Lugo, que tivo nos Basanta os últimos eslabóns da cadea familiar.

Foi noticia recentemente que esta casona se puxese á venda, e que o seu importe fose de 600.000 euros que, para unha persoa de economía media é unha fortuna, pero que parece fan desmerecer o mito e a historia que rodea a este pazo que parecía estar fora do alcance de calquera economía do noso contorno.

Por 600.000€, calquera pode ser continuador alomenos na casa, contorna e espíritu, do Conde de Pallares, aínda que seguro que se calquera de nós puidese mércalo non sabería que facer con este pazo que para mantelo vivo fai falla cuantioso investimento.

E saber que esa histórica casona se pon á venda ao mellor postor, prodúceme unha floxeira de ánima pensando que ao final a historia, a tradición, a lenda veñen traducirse en cartos que permiten mercar o significado do que para nós foi un mito, e para Vilalba un anaco importante da súa historia.


Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar