Baltar e «Cociña Ourense» presentanse no Fórum Gastronómico da Coruña

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou na cuarta edición do Forum Gastronómico da Coruña, a iniciativa «Cociña Ourense», «un proxecto que impulsa a institución provincial con cociñeiros da provincia para promover, difundir e potenciar a gastronomía elaborada con produtos autóctonos ourensáns», expresou Baltar.

Xunto cos membros da asociación «Cociña Ourense» -formada por cociñeiros de Ourense, Verín, Celanova, Trives, Ribadavia e Pereiro de Aguiar- e acompañado polo experto gourmet Jorge Guitián, o presidente provincial explicou a innovación que supón no ámbito gastronómico «que os mellores cociñeiros da provincia se unan para crear arte culinaria e potenciar os produtos agroalimentarios ourensáns, nunha iniciativa que «fai provincia» e que contribúe á promoción dunha das máis importantes sinais de identidade, como é a nosa gastronomía, por historia, por tradición e tamén por innovación».

A Deputación de Ourense e os cociñeiros que impulsan esta asociación teñen como obxectivo «a defensa da gastronomía propia, potenciando as excelencias da cociña ourensá, que por calidade e por elementos nutricionais é unha das mellores do mundo», destacou Baltar.

Nesta importante cita gastronómica, que se celebra en ExpoCoruña, a Deputación de Ourense e «Cociña Ourense» presentan as innovacións que impulsarán no ámbito gastronómico, como son a cooperación para desenvolver proxectos de investigación con universidades; a promoción dos produtos agroalimentarios ourensáns, ou as iniciativas de internacionalización e formativas para difundir a riqueza da nosa gastronomía.

A asociación «Cociña Ourense», da que son presidente e vicepresidente os cociñeiros Miguel González e Marco Varela, respectivamente, ten a finalidade de «defender o compromiso coa terra, os produtos autóctonos e as excelencias eno-gastronómicas da provincia de Ourense», afirmou Manuel Baltar, engadindo que a Deputación de Ourense «apoia esta iniciativa porque a eno-gastronomía é un buque insignia do territorio provincial, cunha longa tradición que temos que seguir poñendo en valor para seguir engrandecendo a «marca Ourense» en todos os seus ámbitos, nun momento como este, fundamental para o noso futuro, onde a próxima chegada da alta velocidade marcará un fito trascendental para a provincia de Ourense, tendo ao turismo e á gastronomía entre os seus principais motores económicos», expresou Baltar.

Entre as propostas que «Cociña Ourense» presenta no Furom Gastronómico da Coruña figuran os traballos de cooperación que prevén levar a cabo co Campus de Ourense no estudo das augas termais das Burgas para a súa utilización na alimentación, un ámbito, o do termalismo gastronómico, «que abre importantes expectativas que singularizarán a oferta gastronómica da provincia de Ourense», destacou Manuel Baltar.

O Forum Gastronómico da Coruña acolle entre os días 10 ao 12 de marzo sesións maxistrais, expositores, degustacións e concursos, todo elo caracterizado pola alta calidade das propostas gastronómicas, unha cita na que están presentes máis de 200 empresas dos sectores da distribución, a produción de alimentos e bebidas, o foodservice, o equipamento e a maquinaria, ademais de profesionais da gastronomía, asociacións, institucións e público gourmet, así como produtores do sector primario e artesáns. A procedencia dos expositores é de Galicia, Andalucía, Asturias, Cataluña, Valencia, Madrid, Estremadura, Castela e León o País Vasco e de distintos países europeos como Italia, Bélxica, Francia ou Portugal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar