Entrevista na TVG:Ethel Vázquez asegura que o PSOE actúa como voceiro da AP-9

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, foi entrevistada  esta mañá no ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia. Durante a conversa, e co gallo da celebración esta semana do Día Internacional da Muller, a conselleira defendeu a igualdade no eido laboral, teimando no seu labor de enxeñeira, conselleira e nai. Vázquez destacou que accedeu ao seu posto estando embarazada, “o que debería ser normal na sociedade e non algo excepcional” e salientou o labor das dez conselleiras nos gobernos populares das últimas lexislaturas.

Acceso á entrevista na TVG

Arredor do proxecto da estación intermodal da cidade de Lugo, a conselleira afirmou que descoñece o seu financiamento ou os trámites urbanísticos de dita estación, o que cualificou de “sen precedentes”. Segundo a conselleira, logo da colaboración entre administracións na construcións das estacións intermodais de Vigo, Santiago ou Ourense, “rachouse unha traxectoria de traballo conxunto porque a Alcaldía de Lugo e o Ministerio de Fomento quixeron presentar a estación en solitario, sen contar coa Xunta de Galicia”.

Na conversa, a transferencia da AP-9 foi outro dos temas principais, cualificado pola conselleira como “un proxecto de país e imprescindible”. Vázquez salientou que “hai unanimidade no Parlamento Galego, queremos a transferencia pero non a calquera prezo” e detallou que “as subas extraordinarias que multiplican por 5 o IPC son un acordo redondo para Audasa polos acordos feitos por José Blanco no seu tempo como ministro de Fomento”. Vázquez afirmou que “o PSOE actúa como voceiro de Audasa e defende os seus intereses, hai convenios – como fixemos co do Morrazo- que poden ser revisados e baixados”.

Seguindo co eido do transporte, a Conselleira referiuse ao Plan de transporte metropolitano xa implantado en cidades como Lugo, Ferrol e A Coruña pero que porén “na área de Vigo este plan é de segunda pola negativa do propio Concello”. Vázquez tamén fixo unha defensa do transporte compartido, baseado en empregar as prazas baleiras do transporte escolar, “un modelo moi útil para o rural, sostible e viable e que xa conta co aval da experiencia, sen ningunha incidencia”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar