TVG: O conselleiro de Sanidade detalla o novo modelo de atención primaria

Jesús  Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade  da Xunta de Galicia, foi entrevistado esta mañá no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia por Marcos Sueiro. Durante a conversa explicou as medidas que se aplicarán de xeito inmediato para mellorar  a atención primaria, enmarcadas nun borrador en que está a traballar o Goberno galego.

O conselleiro de Sanidade detallou que se implementarán 175 medidas –75 delas de xeito inmediato- para mellorar o servizo de Atención Primaria arredor de seis eidos estratéxicos. Entre elas, destacou “que os médicos terán máis tempo para atender os pacientes e haberá máis coordinación cos hospitais e que se afondará na formación e na investigación na sanidade”. Tamén, explicou que este proceso de mellora da atención primaria foi “participativo e que contou coa opinión de 4.500 cidadáns de Galicia”. En cantos a prazos, salientou que esta semana se calcularán os orzamentos necesarios e que o novo modelo estará listo en seis meses aproximadamente.

Entrevista completa AQUÍ

Entre as novidades do plan, Almuíña salientou que “queremos que a enfermería teña máis peso dentro do equipo multidisciplinar”, e fixo fincapé na creación  nos últimos anos da figura da/o enfermeira/o especialista, nos campos de pediatría e medicina de familia. Así mesmo, recoñeceu que un dos principais déficits é a falta de profesionais para cubrir as substitucións, polo que “se crearán máis prazas de residentes MIR, pero hai que facelo de xeito compasado co ministerio de Sanidade”. Amais,  salientou que “se eliminará o máximo posible a burocracia na Atención Primaria”.

Durante a conversa, Jesús Vázquez Almuíña referiuse aos hospitais comarcais e afirmou que “imos potenciar que os servizos se acheguen aos cidadáns, todo o que poidamos facer no ámbito comarcal ímolo facer”. Nesa liña, detallou o plan director do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos, “en que se mellorarán as consultas externas e a confortabilidade”. Así mesmo, sinalou que foi deslocalizado o servizo de Oncoloxía para que se poidan tratar pacientes nesta especialidade nos centros de Monforte e da Mariña lucense e adiantou que mañá martes se presentará o futuro plan do hospital do Barco de Valdeorras.

Con respecto ao controvertido tema das vacinas, o conselleiro avanzou que “conseguimos facer un único calendario vacinal para toda España” e ante a posible prohibición da admisión de nenos sen vacinar nas garderías galegas publicado estes días, sinalou que “calquera medida que axude a aumentar a taxa de vacinación debe ser valorada” e sinalou que as taxas en España están no 97 %, mentres que noutros países europeos estas taxas son máis baixas.

 

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar