O 24 de febreiro, «Día de Rosalía»

A Fundación Rosalía de Castro quere conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía, chamando á participación xeral en dous eventos: a Alborada, coa colaboración da Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, e o Caldo de Gloria,  iniciativa á que xa se sumaron numerosos colexios, restaurantes e os concellos de Padrón, Compostela, Ames, Brión, Rois, Teo, Rianxo, A Guarda, Celanova, Arzúa e Ponteceso.

Toda a programación da semana foi presentada hoxe luns na Casa-Museo nunha rolda de prensa na que participaron o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; a escritora Ledicia Costas, que este ano será a encargada de preparar o Caldo de Gloria en Padrón; e os representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos, Oli Xiráldez e Gustavo Couto.

O Caldo de Gloria é unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.

Nesta terceira edición, a encargada de preparar o Caldo de Gloria na Casa-Museo será a escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España en 2015, pola súa obra ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’, e unha das máis populares escritoras galegas, que conta con milleiros de lectores novos e conta por ducias os seus premios, como o Merlín, o Lazarillo ou o Losada Diéguez.

Nesta terceira edición a iniciativa prosegue coa súa expansión polo país e máis alá, coa participación de novo de todos os locais da hostalería de Padrón, xunto con moitos outros por todo o país e mesmo en varias cidades do mundo onde a presenza galega é importante. Tamén se unen a esta proposta, apadriñada por Galicia Calidade, varios colexios de todo o país que incorporarán o caldo ao menú escolar, ademais de concellos como Ames, Teo, Padrón, Brión, Santiago de Compostela, Celanova ou Ponteceso. Poderá consultarse a listaxe de participantes na web da Fundación (www.rosalia.gal), ademais das instruccións para facer o caldo e participar na iniciativa, alén de descargar os distintos materiais, como folletos, manteis ou carteis.

O obxectivo da Fundación Rosalía con esta iniciativa é que toda Galicia celebre a Rosalía a partir do seu poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia protagonizada por unha muller. Queremos que en lugares públicos, coma os comedores escolares ou os locais de hostalería, ou tamén no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos dá a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades.

Alborada de Rosalía

Este ano volvemos celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, ao igual que se fixera en 2013 no 150 aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’, no que participaron máis de 70 grupos por todo o país e nalgunhas cidades do estranxeiro.

A “Alborada de Rosalía” é unha peza musical escrita pola propia poeta, polo que facemos desde aquí un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e non só: tamén a outros músicos: sexan pandereteiras, requinteiras, tamborileiras, etc.) para dar unha alborada de gloria na súa honra, ao igual que se fixo en 2013.

Actos durante toda a Semana de Rosalía

Estes son os actos nos que participa a Fundación ao longo da semana:

21 de febreiro

12.00.  Casa-Museo: plantación do Carballo de Gernika na horta da Casa. Nela participará a Presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui.

20.00. Auditorio de Rois: presentación do número tres de Follas novas. Revista de Estudos Rosalianos.

22 de febreiro

12.00 Concello de Padrón: Ofrenda floral, pasarrúas, recitais e concertos.

20.00 Auditorio de Padrón: interpretación poética, concertos, etc.

23 de febreiro

13.00. Casa-Museo. Estrea da peza musical escrita por Loliña Mosquera “Caldo de groria”, interpretada pola Banda de Padrón e a Coral Padronesa.

24 de febreiro

COMPOSTELA

11.00. Praza de Vigo: Primeira Alborada de Rosalía, con Os Carapaus.

11.30. Estatua de Rosalía na Alameda: Ofrenda floral.

12.00. Capela do Hostal dos Reis Católicos: acto institucional, coa actuación dun grupo de escolares de primaria de Ponteceso, lectura de textos rosalianos, a actuación de Canto d´Aquí e peche coa Alborada.

PADRÓN

17.00. Casa-Museo. Concerto dos portugueses Canto d’Aqui no Auditorio.

19.30. Caldo de Gloria para os asistentes na Casa-Museo, elaborado pola escritora Ledicia Costas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar