Tellado, do PPdeG, pide aos socialistas galegos «sentido de Estado»

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, pediu aos líderes socialistas galegos ter “un pouco de sentido de Estado fronte a quen quere traizoar a todo un país” e ser coma os socialistas manchegos e aragoneses alzando a voz contra a deriva radical do Goberno central. “Gustaríanos que socialistas como Javier Losada e Gonzalo Caballero pensasen máis nos intereses de Galicia e de España ca nos intereses de Pedro Sánchez”, aseverou.

Así se expresaba tras salientar nunha comparecencia en rolda de prensa que o presidente dos populares de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, liderará a delegación galega na manifestación deste domingo “Por una España Unida, Elecciones ya”.

Segundo precisou, os populares galegos terán unha notable presenza na madrileña Praza de Colón, xa que, ademais de Feijóo -que adiantou o seu regreso de Estados Unidos expresamente para poder acudir- e a do propio secretario xeral, estarán presentes presidentes provinciais como Alfonso Rueda ou Diego Calvo; deputados autonómicos, nacionais e senadores galegos; e centos de militantes que se desprazarán en coches particulares e nos buses que o partido porá á súa disposición.

“Levamos semanas advertindo que Pedro Sánchez estaba consumando unha traizón ao noso país para devolverlle o favor a aqueles que o colocaron na Moncloa, que estaba menosprezando ao conxunto de España a cambio de prebendas para o independentismo catalán, e que está moito máis preocupado de manter a súa carreira política ca dos intereses do seu país”, recordou Tellado ao tempo que apuntaba que Sánchez asumiu acriticamente todo o relato do independentismo catalán.

Desmentindo o dito por Sánchez, asegurou que “non hai un conflito entre partes, senón unha parte que intentou dar un golpe de Estado; non hai vontade de diálogo cando unha parte ten como único fin rachar coa legalidade establecida; e non hai necesidade de mediación externa, habendo en España unhas institucións parlamentarias que son un exemplo democrático”.

UNHA MAREA DE AMIGUISMO

Por outra banda, o número dous do PPdeG referiuse á polémica arredor dos contratos a dedo outorgados por membros das Mareas de Podemos, afirmando que, alá onde gobernan, “demostraron ser unha Marea de amiguismo, unha Marea de diñeiro público para os seus familiares e unha Marea de trato de favor aos fundadores do seu partido”. “Unha vez máis a autodenominada nova política demostrou que é unha versión actualizada da máis vella e da peor política”, engadiu.

Deste xeito lembrou que, cando os populistas chegaron aos gobernos municipais en 2015, prometeron ser adalides da transparencia e da rexeneración democrática pero, desde moi cedo, “comezamos a verlles as costuras e á absoluta falta de xestión e parálise institucional uniuse un moi cuestionable sentido da ética”, pois, como indicou, abusaron dos contratos a dedo, adxudicaron axudas a asociacións afíns, non cumpriron coa transparencia que pregoaban e obviaron os seus propios códigos éticos en canto ás imputacións xudiciais.

Por último, indicou que esta situación deixouna ben explicada Íñigo Errejón nun vídeo que se fixo viral: “o principal dos deberes que se autoimpuxeron as Mareas de Podemos é regar con diñeiro público chiringuitos e deixalos listos para cando lles toque ser oposición”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar