Madrid:Baltar participa na xunta de goberno da FEMP

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou en Madrid na reunión da xunta de goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), na que se analizaron as propostas de emendas que a FEMP presenta ao proxecto de lei de Presupostos Xerais do Estado para 2019. En total, son 23 emendas, referidas a Facenda, Fomento, Política territorial e función pública, Transición ecolóxica, Cultura e Deporte, Igualdade, e Servizos Sociais.

O maior número de emendas son as relativas ao ámbito financeiro e tributario das entidades locais e provinciais, con aspectos como o teito de gasto, investimentos, medidas de apoio a entidades locais con problemas financeiros, participación nos tributos do Estado e réxime de endebedamento das entidades locais. A emenda de Fomento é a relativa á nova achega do Estado á FEMP para o financiamento de actividades para rehabilitación e acceso á vivenda; e sobre política territorial, a FEMP fai fincapé nos fondos de financiamento para os municipios.

En canto a Transición ecolóxica, a emenda da FEMP fai referencia á nova achega do Estado para o financiamento do convenio para promover a conservación da biodiversidade e da rede de gobernos locais “Biodiversidad”, mentres que en Cultura e Deporte, as emendas céntranse, por unha banda, no convenio marco entre o Consello Superior de Deportes e a FEMP, e por outra no financiamento de actividades que contribúan á protección do patrimonio histórico.

No que atinxe a Igualdade, a emenda neste ámbito refírese á creación da Oficina técnica de apoio local en materia de violencia de xénero, no marco das competencias das entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, mentres que no que atinxe a sanidade e benestar social, a FEMP incide no desenvolvemento de programas dirixidos á mocidade no ámbito local. Finalmente, a emenda número 23 da FEMP refírese á dotación destinada ás corporacións locais para cofinanciar os servizos de transporte público colectivo urbano.

A xunta de goberno da FEMP tamén tratou hoxe temas referidos á central de contratación e aos convenios subscritos pola federación co Consello de Transparencia e Bo Goberno, coa Fundación Mujeres, e coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar