TVG:O Conselleiro de Cultura destaca o éxito de Galicia en Fitur e o desafío do Xacobeo 21

O conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, foi entrevistado está mañá no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia. Durante a conversa realizou unha análise dos desafíos no sector turístico, entre os que destaca o Xacobeo 2021 e o proxecto Galicia sabe, arredor do valor da gastronomía para a proxección da comunidade.

ACCESO A ENTEVISTA COMPLETA EN http://www.crtvg.es/informativos/roman-rodriguez-estamos-moi-satisfeitos-pola-resposta-de-galicia-en-fitur-4021651

O conselleiro valorou de xeito moi positivo a representación de Galicia na Feira Internacional do Turismo (FITUR)en Madrid  da semana pasada e destacou que 76.000 persoas visitaron o posto galego, “cunha gran resposta profesional con máis de 300 reunións realizadas”. O conselleiro afirmou que pese a dificultade de destacar en FITUR, “Galicia lévao tempo facendo de xeito moi positivo grazas ao traballo público e privado”.

Así mesmo, salientou un novo proxecto, Galicia Sabe que busca “aproveitar  toda a riqueza gastronómica galega e que primeiramente realizará un mapa de recursos de toda a gastronomía galega. Este sector, explicou, “supón o segundo maior atractivo de Galicia, logo da paisaxe”.

Arredor dos retos futuros, o conselleiro destacou a preparación do Xacobeo 2021, “que ten que ser un éxito de todos con implicación de toda a sociedade para, primeiro presentar Galicia no mundo e logo aproveitar todo ese esforzo de promoción, que se manteña no futuro”.

Rodríguez salientou liñas de traballo como a oferta de festivais musicais, enmarcados no proxecto Festgalicia, que “teñen unha repercusión turística moi importante, sobe todo no público novo, e que supón unha rede de festivais innovadores  e espallados por todo o territorio galego”. Tamén destacou que “Galicia se especializou nos últimos anos en nichos que permiten a desestacionalización do turismo, e isto é importante para ter unha oferta estable fora da tempada de verán, como coas iniciativas Outono Gastronómico ou a Ruta das Camelias”.

O sector do turismo en Galicia, que “achega 110.000 empregos e aporta un 10% do PIB, ten que traballar na mellora en dous eixos: máis preparación e formación dos profesionais, e na mellora as instalación físicas para facelas máis atractivas”. O conselleiro tamén fixo fincapé no obxectivo de  lograr un turismo de calidade, “que estea en Galicia moitos días e con moito gasto” .

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar