Declaracións á TVG:Esquerda Unida non apoiará os Orzamentos estatais

 

Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida e secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia, foi entrevistada no ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia. Durante a súa conversa con Marcos Sueiro fixo balance dos presupostos estatais e falou da  actualidade política da súa formación, En Marea.

Solla tivo palabras de ánimo para os traballadores de Alcoa logo de coñecerse a continuidade das plantas ata xullo. Sobre isto afirmou que “a ministra debería poñerse a traballar, porque o emprego industrial é moi importante no noso país”. Ademais, sinalou que a mellor solución sería a intervención da empresa, “é viable, está recollido no artigo 128 da Constitución”.

Arredor dos presupostos xerais do Estado, a coordinadora de EU cualificounos de “fracaso para Galicia”. Solla manifestou que supoñen un investimento miúdo e insuficiente para as necesidades do país. De feito, sinalou que o Goberno debe rectificar e que se non hai cambios e melloras, “non imos poder apoiar eses orzamentos”. Entre as urxencias para Galicia destacou as melloras en infraestruturas do ferrocarril ou en diferentes tramos da autoestrada.

Por outra banda, Solla fixo un repaso pola situación da formación política En Marea e foi moi crítica coa figura do seu voceiro, Luís Villares. En primeiro lugar, resaltou que a votación das primarias se fixera sen documentación e que carecía de garantías democráticas. Así mesmo, remarcou as diferenzas entre Esquerda Unida e En Marea, e afirmou que “non sabemos o que vai facer En Marea ou se se vai presentar ás eleccións”. A Luís Villares recomendoulle “humildade á hora de asumir a súa tarefa” e sinalou que foi responsable de difamar e  atacar compañeiras nos medios de comunicación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar