Real Academia Galega de Ciencias: Terapias diana capaces de frear a metástase do cancro de colon

O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2018 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros, propón o uso de nanopartículas para aplicar terapias diana capaces de frear a metástase do cancro de colon no fígado. O equipo galardoado está liderado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e conta coa colaboración de científicos vascos, franceses e alemáns. O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros, é para un enxeñeiro informático da Universidade da Coruña (UDC) que achega unha solución capaz de facilitar o traballo dos programadores na resolución de problemas científicos de gran envergadura a través da computación avanzada.
 
A elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC. Os premios serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 23 de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo sétima edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, na honra do anterior presidente da institución.
 
Nanopartículas para terapias diana
 
O equipo galardoado co Premio de Investigación, outorgado a científicos sénior, integra a científicos do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC; do grupo Signaling Lab da Universidade do País Vasco; do Instituto de Investigación Sanitaria Biodonostia; do Centro de Investigacións Médico-Biolóxicas da Universidade de Düsseldorf (Alemaña); e do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica de Francia (INSERM).
 
Liderado polos investigadores da USC Alejandro Sánchez Barreiro e Inés Fernández Piñeiro, o proxecto propón o uso de nanobiotecnoloxía para deseñar terapias diana capaces de reducir a metástase do cancro de colon no fígado ata nun 80%. A investigación foi publicada este ano na revista International Journal of Cancer, de referencia no ámbito da oncoloxía.
A metástase é o proceso polo que un tumor que aparece nun órgano migra a outro e o coloniza. No caso do cancro colorrectal, o terceiro máis común no mundo, o fígado corre un risco especial de ser infectado polas células tumorais desprendidas do intestino. No proceso de colonización, o cancro provoca a creación de novos vasos sanguíneos no fígado para surtir as células malignas dos recursos necesarios para crecer. Ese proceso de formación de vasos sanguíneos denomínase anxioxénese e é levado a cabo polas células endoteliais, que neste caso ven alterada a súa función normal en organismos sans para favorecer a proliferación do cancro.
A terapia experimental gañadora do premio da RAGC, testada xa in vivo, baséase no uso de nanopartículas para frear o crecemento dos vasos sanguíneos que chegan ás células tumorais. Desa forma, redúcese a subministración de osíxeno e alimentos a esas células, o que reprime o seu crecemento.
 
Estas nanopartículas, patentadas recentemente nos Estados Unidos e para as que se agarda a concesión de patente en breve en Europa, son capaces de viaxar ao lugar exacto onde precisan ser administradas, é dicir, funcionan como vehículos de terapias diana. Neste caso, van cargadas de moléculas denominadas miR-20a, capaces de restablecer a función normal das células endoteliais para que deixen de contribuír en gran medida á proliferación do cancro no fígado.
 
Máis facilidades para os problemas complexos
 
Adrián Pérez Diéguez, do Grupo de Arquitectura de Computadores da Facultade de Informática da UDC, é distinguido co premio para investigadores mozos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 28 anos. O xurado elixiu de forma unánime a súa estratexia para facilitar o traballo dos programadores informáticos cando se enfrontan á resolución de grandes problemas científicos aplicando técnicas de computación avanzada.
A solución seleccionada pola RAGC é a evolución do traballo co que este investigador levou en 2014 o recoñecemento do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co seu premio Proxecto Fin de Carreira.
Pérez parte da base de que as tarxetas gráficas (GPU) conseguiron na actualidade un gran poder computacional, ata o punto de que poden facer cálculos complexos a máis velocidade que un procesador (CPU). Este é o tipo de cálculos necesario para resolver problemas científicos de grande envergadura, coma os relacionados coa determinación da evolución dun tumor, coa secuenciación do ADN, coa demostración de teorías físicas, coa seguridade criptográfica ou coa xestión de datos na nube. Con todo, precisa do uso de algoritmos e técnicas moi complexas por parte dos programadores para lograr ese alto rendemento.
A estratexia deseñada por Pérez, publicada pola prestixiosa revista IEEE Transactions on Computers, facilita o traballo dos programadores na resolución deste tipo de problemas científicos grazas a unha librería matemática aplicable ao manexo das GPU que ofrece un rendemento moito maior cás librerías comerciais a través de técnicas simplificadas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar