Festival Internacional Rebulir, en Ramirás

Un ano máis, as portas do polideportivo de O Picouto, en Ramirás, volveron ser a entrada á que xa se ten consolidado como a cita do ano neste concello en un referente en toda a provincia: a gala central do Festival Internacional Rebulir, que chegou onte baixo o lema
“Latexando tradición”. E así, co recinto cheo ata a bandeira, deu comezo o acto que na presente edición se está adicando ós doantes de sangue e órganos.

Como se veu facendo nas últimas edicións do Festival, membros de cada unha das agrupacións participantes deron a benvida ós asistentes cunha pequena degustación da gastronomía do seu lugar de procedencia. Tras esta antesala, e coas bancadas acomodadas,
deu comezo o prato principal da programación do FIR, que se vén desenvolvendo dende o pasado xoves, 20 de decembro.

 

Organizado pola Asociación Cultural Rebulir, co apoio do Parlamento de Galicia, Consello da Cultura Galega, Deputación de Ourense, Inorde, Concello de Ramirás, Concello de Celanova e da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Emigración, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Dirección Xeral de Políticas Culturais e Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a presente edición do FIR reuniu sobre o esceario a sete agrupacións. Ao colectivo anfitrión e encargado de inaugurar as táboas, Rebulir, estivo acompañado por Virgen de las Nieves de Tanos (Cantabria), a Banda de Gaitas de Nivaria (Castela e León), Danses i Cançóns de Castalla (Comunidade Valenciana), Rusgas de Povoa de Varzim (Portugal), Ballet Leyendas de México (México) e Ballet Oiseaux Blancs (Guinea).

Entre as autoridades convidadas e encargadas da recepción das agrupacións participantes, así como da posterior entrega dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2018, asistiron representantes das institucións colaboradoras do Festival. Entre outros, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Á. Santalices; o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez; a directora xeral de Participación, Xuventude e Volulntariado, Cristina Pichel; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o alcalde de Ramirás, Carlos Rodríguez. Ademáis, asistiron á cita cónsules dos países participantes, directores de diversos organismos, membros das Cortes Xerais e alcaldes e concelleiros da comarca.

 

O encargado de dar o pistoletazo de saída a esta gala central do XIII Festival
Internacional Rebulir foi o director artístico, Alexandre Sotelino, logo da intervención da banda
de gaitas de Nivania, de Castela e León. Comezou Sotelino lembrando ao escritor Lois Antón,
premiado o ano pasado e recentemente falecido. Non se esqueceu tampouco de outro
premiado, Kepa Junquera, que hoxe se recupera dun ictus en Bruxelas. Logo do
agradecemento ás institucións e patrocinadores, fixo fincapé no lema desta edición,
“Latexando tradición”. Nesta liña, Sotelino apuntou que “por dentro de nós corre sangue, que
é o que verdadeiramente nos une, sen importar a cor, o envoltorio”. Neste contexto, a
directora xeral de ADOS, Marisa López, recolleu un diploma en concepto de recoñecemento “a
ese pequeno pero gran xesto e que tantas vidas pode salvar, a doazón”.

Na gala tamén se entregaron os Premios Rebulir da Cultura Galega 2018. Foi o alcalde de
Celanova, Xosé Luis Ferro, quen recolleu o galardón entregado á Romaría Raigame da man do
director xeral de Políticas Lingüísticas da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. Ferro quixo agradecer
a Rebulir por terlle concedido o premio, así como as institucións que fan posible a Romaría,
pero “tamén a todos os obreiros e veciños de Vilanova dos Infantes, sen os que toda esta festa
que recupera a nosa cultura e tradición non sería posible”. Destacou que no 2019 “chegamos á
nosa XVIII edición e queremos convidar a todo o mundo a que veña celebrar con nós a maioría
de idade”.

 

O vocalista do Sonoro Maxín recollía o premio outorgado a Guadi Galego, que non puido
asistir á gala, pero estivo presente a través dunha mensaxe dixital no que agradeceu a “Rebulir
por terse acordado de min, é un auténtico orgullo e síntome en débeda co pobo, polo moi
pronto irei facer unha visita para coñecervos a todos”.
Carlos Blanco, pola súa labor nas artes escénicas, tamén recolleu o seu premio, da man
de Miguel Á. Santalices, presidente do Parlamento de Galicia. No seu discurso lembrouse de“todos aqueles compañeiros e amigos que hoxe xa non están con nós” e adicou o galardón cun“moitas grazas, meu amor”. Asimesmo, deu as grazas por este “marabilloso ano 2018 quetantas alegrías me leva dado con personaxes e reconocementes”.

 

 

E o Ce – Pantasma invadiu o esceario.

 

Así as cousas, este converteuse nun colorido e animado desfile de tradición e folclore, onde os colectivos participantes amosaron o mellor da súas músicas e danzas que, un ano máis, cautivaron a todos os asistentes. Logo da mostra
cultural e folclórica, os preto de 300 participantes nesta edición do FIR conviviron nunha cea
de degustación de produtos típicos e locais. Dende a media noite, o Festival trasladarase a un
establecemento hosteleiro da vila de Celanova, onde se desenvolverá unha jam sesion
intercultural: o esceario idóneo para compartir tradicións e culturas, aprender a tocar os
instrumentos típicos dos respectivos países e animarse cos pasos de baile básicos dos seus
folclores.

Antes de baixar o telón definitivamente a este XIII Festival Internacional Rebulir e regresar ás
súas respectivas rexións de orixes, durante a mañá continuará a ambientación musical coa
animación do grupo procedente de Castela e León nas rúas de Celanova. Para os veciños de
Ramirás e da comarca, a exposición “As imaxes do Alén”, na que se recollen fotografías dos
lugares de procedencia dos colectivos participantes, poderase visitar no Centro Cultural de O Picouto ata o vindeiro 31 de decembro.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar