Manuel Quintana Martelo reelixido presidente da Real Academia Galega de Belas Artes

 

O pintor Manuel Quintana Martelo nunha sesión extraordinaria foi elixido para un segundo mandato como presidente da Real Academia Galega de Belas Artes.

Quintana Martelo foi nomeado académico de número en 2004 e uniuse á corporación logo de ler o seu discurso «A forma: unha Natureza do debuxo». Na Xunta de Goberno da Academia ocupou o cargo de conservador (2011-2014) e o 29 de novembro de 2014 foi elixido presidente. Outros éxitos durante o seu primeiro mandato son a institucionalización do «Día da Artes Galegas» e a incorporación de mulleres como académicas nas diferentes seccións da institución, como un achegamento ao equilibrio na igualdade.

 

Segundo explica o presidente, o obxecto deste novo mandato é seguir co proxecto de abrir a Academia á sociedade, realizando distintas actividades académicas ou de interese cultural e artístico nas catro provincias galegas. Sinala que continuarán traballando no Día das Artes Galegas, que este ano se dedica a Luis Seoane cun acto central que se celebrará na Coruña, e tamén levar a obra de Maruja Mallo a Madrid. “Traballamos nun proxecto moi relevante para o Mestre Mateo fóra da península” –anuncia–.

Ademais, outras liñas de actuación irán encamiñadas a seguir co plan de renovación do pleno da institución, continuar coas conferencias xa coñecidas dos “Martes das Artes” ou mesmo proseguir coa actividade desenvolta en torno aos convenios de colaboración asinados coas tres Universidades galegas “que tan bo resultado tiveron este pasado ano”. No relativo á estabilidade económica “tan necesaria” da Academia, Quintana Martelo destaca que o obxecto é buscar novos apoios e aumentar os existentes.

Na mesma sesión, tamén se nomeou á nova Xunta de Goberno, composta polos seguintes membros: Celestino García Braña, como vicepresidente; Felipe-Senén López Gómez, como secretario xeral; Miguel Fernández-Cid Enríquez, como tesoureiro; María Victoria Carballo-Calero Ramos, arquivista-bibliotecaria; e Soledad Penalta Lorenzo, como conservadora.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar