Pachi Vázquez critica á xestion do PSdeG-PSOE

O ex-secretario xeral do PSdG, Pachi Vázquez foi entrevistado esta mañá no Bos Días da Televisión de Galicia. O que fora alcalde e conselleiro socialista argumentou durante a conversa a súa baixa como militante socialista e criticou con dureza a xestión de Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero á fronte do partido.

Vázquez sinalou, en primeiro lugar, a complexidade da súa decisión de abandoar a militancia do PSdeG pero afirmou que “actualmente son máis as cousas que me separan que as que me unen”. Así mesmo, remarcou “unha profunda diferenza ideolóxica co que se está a facer en Galicia e en Madrid” e falou das “purgas cara os seus compañeiros só por selo”.

Nembargantes, afirmou que “deixo a militancia, pero non deixo de ser socialista”. O ex secretario xeral dos socialistas galegos sinalou que unha parte da dirección do partido celebrou con abrazos os resultados do PSOE en Andalucía. Segundo as súas palabras, “consideraron máis importante a derrota de Susana Díaz que o afundimento do buque insignia socialista.

Durante a conversa co redactor xefe da TVG, Marcos Sueiro, Vázquez fixo un repaso da situación do socialismo galego, do que dixo que “antes se buscaba gañar as primarias para lograr resultados fóra, mentres que agora só se quere gañar para eliminar os que quedan dentro”. Comparou a situación actual coa que había hai uns anos, cando o PSOE tiña as alcaldías de Ourense, Coruña, Ferrol ou Santiago e afirmou que “hai que preguntarse onde estamos hoxe, somos unha forza residual en moitas cidades e municipios”.

Ao preguntarlle pola súa posible volta á política e sobre un posible ingreso en Ciudadanos, Pachi Vázquez manifestou que é un partido que lle merece respecto, pero que non ten nada que ver con el, tampouco ideoloxicamente, e que “se quixese seguir activo sería no PSOE”.

Así mesmo, remarcou a “falta de coherencia” do partido e afirmou: “Pareceume lóxica a moción de censura para botar a Rajoy, pero a partir de aí non entendo nada”. Entre as súas críticas resaltou que Sánchez debeu convocar eleccións e que “o PSOE está collido pola orella por parte do Podemos”. Tamén alertou contra o auxe da dereita e afirmou que “o modelo de Andalucía está avanzando de xeito contundente”. Para rematar afirmou: “non sei quen controla o PSdG, pero debería ser o seu secretario xeral”.

A entrevista pode verse en: http://www.crtvg.es/informativos/pachi-vazquez-hai-que-conseguir-que-os-socialistas-historicos-segan-nos-concellos-ainda-que-non-os-deixe-presentar-o-partido-3988675

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar