Don Xesús e Don Bieito

Son dous referentes importantes na Galicia destes tempos, na cultura de Galicia de mediados do século pasado e no que vai deste, Don Xesús Alonso Montero e Don Bieito Ledo Cabido, o profesor e o editor, quen foi presidente da Real Academia Galega e quen é presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, teñen no seu maxín o proxecto para a construción dunha Galicia chea de vida, culturalmente rica e economicamente poderosa. A mesma que comezaron a crear outras das grandes personalidades nos distintos eidos do saber, mulleres e homes co seu talento, o seu corazón e o corpo enteiro ao servizo da colectividade, do desenvolvemento educativo, formativo e cultural. Ao servizo do progreso da terra e da xente que non queren ver abandonada.

As tres universidades de Galicia, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega estarán o sábado día un de decembro, en Vigo, para dicirlle ao mestre que valoran o seu traballo, para homenaxealo polo seu noventa aniversario e  darlle azos para que sega facendo o que fai e sempre fixo: servir aos demais, esencialmente, aos máis necesitados. Ao “mestre das palabras”, como lle chama Xan Leira ao “Cidadán Alonso Montero” tócalle ese día escoitar. Parabéns, profesor! Da organización encargase a Fundación Premios da Crítica Galicia.

Os dous, Xesús e Bieito son de Ourense e viven en Vigo, cultivan o saber e fano medrar, para orgullo daqueles que temos tanto que aprender. No prólogo de `Cavilacións´, o libro de recente publicación,  do que Ledo é autor e editor, Alonso Montero di que “Bieito dedicouse intensamente a sementar ou a colaborar con outros sementadores nesta leira grande que chamamos Galicia”. Os dous son avezados labradores na mesma leira, cultivadores de progreso, carreteiros de saberes diversos e portadores de coñecemento verdadeiro e real, dese que se asenta cando tes os pés na terra.

Aí, en Vigo, estará Galicia enteira seguindo as palabras doutro “Don”, Don Victor Fernández Freixanes, a terceira pata dunha mesa perfectamente equilibrada. Recordarase o esforzo de tódolos homes grandes desta terra nai, sentirase orgullo do labor feito polas mulleres desta terra de irmáns, escoitarase dicir que Xesús Alonso Montero é comunista, como foi sempre. E, despois, alí ao lado, quen queira poderá “mollar a palabra”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar