Ana Pontón, recibida en Uruguai polo presidente Tabaré Vázquez

A vocera nacionalista Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, pecharon a última xornada en Montevideo cunha reunión dunha hora co presidente da República de Uruguai, Tabaré Vázquez, con quen compartiron análise da actualidade política de ambos países e do contexto internacional, encontro no que coincidiron en destacar o peso e a importancia que ten xogado e que aínda xoga a colectividade galega neste país.

“Analizamos a situación política, en particular a da colectividade galega, tendo en conta que Uruguai é, proporcionalmente, o país americano con máis residentes galegos”, indicou Pontón, quen destacou o “cambio transformador” que as políticas desenvolvidas polo Frente Amplio desde o Goberno da república trouxeron para a sociedade.

“O Frente Amplio supón un cambio en Uruguai, conseguiu reducir a pobreza, reducir o desemprego, logrou manter o país cun nivel estable de crecemento e iso é un logro que temos que valorar”, indicou a líder nacionalista, que ve nesas políticas un referente para o BNG.

“É evidente que a realidade de Galiza e de Uruguai son diferentes, pero as políticas do Frente Amplio son un referente para o proxecto nacionalista e de esquerdas do Bloque, e demostrou como un país pode saír da crise a favor da maioría social con políticas alternativas ás da dereita, demostrou que é posible saír da crise recuperando emprego e benestar para as persoas. Isto é inspirador a respecto do que o BNG defende para o noso país”, salientou Pontón.

Encontro con Tabaré VázquezNo encontro tamén se abordaron “distintos proxectos que ten a colectividade galega”, sinalou a portavoz nacional, así como interese en seguir dialogando “respecto dalgunhas reformas legais que se están levando a cabo en Uruguai e que poden servinos de exemplo”.

Pontón e Miranda completaron a última xornada en Montevideo con encontros coa diáspora, a través de reunións con responsables do Centro de Galiza e do Patronato da Cultura Galega, co que adquiriu o compromiso de trasladar ao Parlamento a proposta de recuperar o lectorado de galego na universidade de Uruguai, suprimido polos recortes.

“O Patronato da Cultura Galega en Montevideo está facendo unha importante labor na defensa da identidade, da cultura e da lingua galega”, indicou a dirixente do Bloque, “e asumimos a proposta de recuperar o lectorado galego na Universidade de Uruguai polo que significa de promoción da lingua e da cultura de Galiza, pola súa contribución ao ensino da nosa propia lingua pero tamén porque é unha obriga coa comunidade galega neste país”.

Pontón e Miranda salientaron o simbolismo do Centro de Galiza en Montevideo, porque foi o lugar onde se constituíu e onde se reuniu o Consello de Galiza, “alí estaba Castelo e todas as persoas exiliadas que seguiron mantendo viva a idea da nación galega”. A delegación galega pasa agora a Bos Aires onde continuará a súa axenda de contactos coa diáspora e coa esquerda social e política deste país, nunha capital que, durante décadas, mereceu o título de quinta provincia galega.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar