Chegan a Galicia dende Arxentina os restos mortais de Rodolfo Prada

A Deputación de Ourense viviu un día histórico co acto institucional de recepción dos restos mortais do galeguista Rodolfo Prada Chamochín, o máximo valedor de Castelao na Arxentina e seu albacea testamentario, “un persoeiro fundamental na historia contemporánea de Galicia pola súa reivindicación dunha Galicia democrática e autónoma e o seu constante activismo cultural”, dixo o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, durante a celebración do acto solemne, afirmando que Rodolfo Prada “volve a unha Galicia democrática e con goberno de seu”, destacando así o desexo que no seu día expresara o insigne intelectual dos Peares.

Baltar confirmou que A derradeira lección do mestre, obra senlleira de Castelao, estará en Ourense, “porque a historia deste cadro está moi vencellada a Prada e á nosa provincia. Deste modo, xuntaremos, en marzo de 2019, a Rodolfo Prada e a Castelao en Ourense”.

 

O acto, que tivo lugar no salón de plenos da Deputación de Ourense, contou coa participación, ademais, da neta do intelectual, María Elena Prada; o presidente da Fundación “Rodolfo Prada”, Francisco González, e o presidente do PEN Galicia, o escritor Luis González Tosar, celebración na cal escoitouse unha gravación radiofónica de 1951 coa voz de Rodolfo Prada con motivo do primeiro aniversario do pasamento de Castelao, audio no que exaltaba a traxectoria humana e intelectual do galeguista. Na parte musical, o acto contou coa participación de membros da Real Banda de Gaitas, quen interpretaron ao comezo da celebración a Marcha do Antigo Reino de Galicia e remataron co Himno Galego.

A homenaxe ao galeguista dos Peares contou, asemade, coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso; deputados provinciais de todas as formacións políticas con representación na Deputación de Ourense; alcaldes do Consorcio dos Peares, e persoeiros dos ámbitos cultural e social, como tamén coa participación das voces máis novas, por parte de alumnos de Primaria do colexio Padre Feijoo-Zorelle, quen leron fragmentos da obra Sempre en Galiza, de Castelao, un dos cuxos exemplares da primeira edición, da editorial As Burgas, ocupou un lugar destacado xunto ás cinzas de Prada Chamochín e a súa dona, no acto celebrado no salón de plenos da institución provincial.

Manuel Baltar agradeceu tamén a presenza no acto de membros da actual directiva do Partido Galeguista, “no que militaron persoeiros como Castelao, Risco, Xaquín Lorenzo ou Rodolfo Prada, quen contribuíu a facelo máis grande en toda América”, e dixo que este momento histórico para Ourense e para o galeguismo “é unha consecuencia máis da viaxe a Arxentina realizada días pasados, no marco da entrega do premio Ourensanía 2018 ao Centro Partido do Carballiño e ao Centro Ourensano de Montevideo, dúas entidades senlleiras na emigración ourensá en Arxentina e Uruguai, que recibiron en Bos Aires o recoñecemento da provincia de Ourense a toda unha traxectoria a prol dos nosos emigrantes.

“O feito de que honremos a figura de Rodolfo Prada e de que os seus restos poidan estar na institución provincial, onde van permanecer varias semanas, así como un Libro de Condolencias para renderlle homenaxe, temos que agradecerllo á súa familia, á asociación cultural “Rodolfo Prada” e ao xurado do premio Ourensanía, que, no seu momento, fixo un chamamento para recuperar da memoria a persoas que, malia a súa impagable labor a prol de Galicia, atopábanse no esquecemento”, expresou Baltar.

O presidente do goberno provincial comentou que esta “homenaxe permanente a Rodolfo Prada comezámola en 2016 cun acto nos Peares na súa memoria, e ao ano seguinte, noutra celebración, dixemos que instalaríamos un busto conmemorativo da súa figura e traxectoria, como fixemos hai menos dun mes, inaugurando esa escultura, obra de Buciños, non acto que contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, e no que a neta de Rodolfo Prada nos pediu que se repatriasen os seus restos. Dezaseis días despois fíxose realidade esa petición”, afirmou Baltar.

Neste sentido, María Elena Prada agradeceu a palabra dada e cumprida polo presidente da Deputación de Ourense e destacou o gran traballo que o seu avó “fixo pola súa patria, por Galicia”, un labor que se puxo de manifesto durante anos no Centro Ourensano de Bos Aires, cuxo edificio visitou Manuel Baltar na súa recente viaxe a Arxentina acompañado por Luis González Tosar e polo presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, visita que Baltar cualificou de “emotiva e especial” polo que supuxo “subir as mesmas escaleiras que Castelao e Rodolfo Prada, e estar nos seus despachos, nese centro de galeguismo”.

Pola súa banda, Luis González Tosar relatou a historia de Rodolfo Prada en Arxentina, unha andaina vital e intelectual que definiu “de traballo, sacrificio e co obxectivo de todo emigrante: prosperar”, subliñando que Prada Chamochín comezou en Bos Aires “a facer Galicia”, conectando co galeguismo –o grupo Nós- nos anos vinte do século pasado. “El será o principal iniciador das Irmandades da Fala en Arxentina, a prol dunha Galicia dona dos seus destinos”, remarcou Tosar, cualificando a Prada comoi o “motor do galeguismo na Arxentina”, e afirmando que tanto el como Castelao “foron fundamentais para reconstruír a historia do galeguismo. Rodolfo Prada -concluíu- foi un bo e xeneroso”.

Rodolfo Prada, nado nos Peares en 1892 e finado en Bos Aires en 1980, foi o gran valedor de Castelao na Arxentina e seu albacea testamentario, ademais dun referente do galeguismo e o artífice de unir as asociacións de emigrantes que había daquela en Bos Aires: os centros orensano, pontevedrés, lucense e coruñés; e destacou pola súa implicación co Partido Galeguista e, previamente, a súa afiliación ás Irmandades da Fala, en 1917.

Xunto con Julio Dávila e Luís López fundou en 1919 a Asociación Protectora da Real Academia Galega e desempeñou a súa secretaría, polo que foi nomeado correspondente da corporación galega. A partir de 1920, cando resultou elixido secretario da Casa de Galicia, converteuse nun activo propulsor da galeguidade. Nese mesmo ano creou e dirixiu a revista “Acción Gallega” e o ateneo de Cultura Galega. Pouco despois, en 1924, foi redactor xefe e copropietario de Correo de Galicia. En 1932 participou na fundación da Organización Nacionalista Republicana Gallega, que chegou a presidir entre 1936 e 1937, e ao ano seguinte foi nomeado presidente do Centro Gallego de Bos Aires.

Como membro do Centro Orensano dirixiu o seu órgano periodístico, El Orensano, e posteriormente Opinión Gallega, e conseguiu a publicación de Sempre en Galiza, de Castelao. Entre as conferencias que pronunciou destaca Encol da nosa Galiza (Montevideo, 1935) e Antolín Faraldo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar