Ourense:Carreira popular do San Martiño

Este domingo, 18 de novembro, as rúas de Ourense serán invadidas polos máis de 10.000 participantes na 42 carreira pedestre popular do San Martiño Caixabank. A primeira das categorías en tomar a saída, desde a Ponte do Milenio, pero xa desde as 07:00 horas estará pechado ao tráfico toda a contorna da Glorieta Nexus VI e os seus arredores, desde Pardo de Cela até a marxe dereita do río Miño. O resto do percorrido da carreira será pechado a partir das 10:30 horas. E só media hora despois, ás 11:00 horas, Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, darán o ‘pistoletazo’ de saída da proba.

A carreira escolar comezará ás 12:30 horas, coa presenza na saída de José Antonio Álvarez, presidente da Federación de ANPA’s de Ourense, mentres que a dos cativos dará comezo ás 13:20 horas con Ángel Fidalgo, responsable técnico da delegación ourensá da Federación Galega de Atletismo, na pancarta de saída. Finalmente, ás 13:30 horas, comezará a carreira inclusiva (para persoas con diversidade funcional), novidade deste ano. A saída correrá a cargo de Jesús Vázquez, alcalde de Ourense.

A Policía Local recomenda non circular nin acceder ao circuíto momentos antes dos horarios previstos para o corte de tráfico, que irán recuperando a normalidade a partir das 14:00 horas -algo máis tarde nas proximidades do complexo deportivo dos Remedios, onde estará emprazada a meta-.

O centro comercial Ponte Vella abrirá o aparcadoiro para darlle servizo aos participantes na carreira. De ser necesario empregar o coche, hai que ter en conta as indicacións da Policía Local: a circulación procedente de Alfredo Brañas -estrada de Oira- desviarase polo barrio do Peliquín. Igualmente, o tráfico da Avenida de Marín desviarase cara á rúa Alfredo Brañas.

Se é necesario empregar o coche para a travesar a cidade, a Policía recomenda empregar itinerarios alternativos: para cruzar o río Miño, facelo por Oira ou pola Ponte Novísima; no caso de dirixirse cara a zona Sur-Oeste, a mellor opción é facelo polo Polvorín, rúa Manuel Murguía e a Farixa; mentres que para a zona Sur – Leste, a mellor alternativa é atravesar o barrio de San Francisco e a rúa Nosa Señora da Saínza.

 

 

 

Percorrido:

 

A categoría Absoluta percorrerá, a partir das 11:00 horas, a Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Avenida das Caldas, a Ponte Vella, Progreso, Tras Alameda, Doutor Fléming, Ervedelo, a Avenida de Portugal, Marcelo Macías e a Avenida de Zamora, onde haberá un avituallamento. Desde alí subirá por Bonhome e adentrarase na zona vella por Colón, Lamas Carvajal e Paseo. Desde alí a Cardenal Quevedo, Avenida Castelao, Otero Pedrayo e Ponte Nova. Xa do outro lado do río, Vicente Risco, Avenida de Santiago, Avenida das Caldas, Ponte Vella e meta, fronte aos Remedios.

A ruta escolar, con saída ás 12:30 horas desde Pardo de Cela, irá cara á Ponte e atravesará as rúas Basilio Álvarez, Avda. das Caldas e Ponte Vella cara ao Progreso, torcerá pola Avda. de Pontevedra, onde haberá un avituallamento, e dirixirase por Lamas Carvajal e o Paseo cara a Curros Enríquez, Ponte Nova, Ribeira de Canedo e Ponte Vella, antes da chegada á meta.

Velando pola seguridade da carreira e dos seus participantes, a organización contará cun amplo dispositivo da Policía Nacional.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar