O BNG conmemora o centenario do nacionalismo galego

Hai cen anos celebrouse en Lugo a I Asemblea Nacionalista, acta fundacional do nacionalismo galego contemporáneo, que o BNG conmemora cunha campaña baixo o lema “Somos unha nación” e baixo a imaxe dunha acuarela de Leandro Lamas que representa ao nacionalismo como un proxecto colectivo que arranca nas Irmandades da Fala e continua no Bloque Nacionalista Galego.

“É unha campaña en positivo para reivindicar a Galiza como nación fronte á involución democrática, unha celebración desde o orgullo de ser galegos e galegas con voz propia no mundo e con dereito a decidir o noso futuro”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen valorou a importancia “do salto adiante” que supuxo esa asemblea centenaria. “Significou un punto de inflexión porque supera o rexionalismo e asume que Galiza é unha nación dentro dun Estado plurinacional”.

Cen anos despois, “o nacionalismo segue a ser máis necesario ca nunca e se hai unha nación sen Estado que precisa desta ferramenta para avanzar, esa é Galiza”, recalcou, tras asegurar que, ante un réxime do 78 que fai augas por todas partes, esgotado e corrupto, “a alternativa partirá das nacións se Estado”. Este centenario “é unha data para reivindicar o nacionalismo como un movemento que quere romper coa regresión que vivimos e que coloca no centro do debate á nación galega”.

O acto central da campaña terá lugar este sábado 17 en Lugo volvendo a Porta Bispo Aguirre na que tivo lugar esa I Asemblea Nacionalista, “para deixar claro que existe unha alternativa sólida á dependencia do Estado que o PP reserva para Galiza”. De feito, e máis aló de conxunturas puntuais, Pontón salientou que este país “ten un movemento nacionalista moi forte, con vertente sindical, cultura, social e tamén con pegada política con influencia social que vai máis aló das citas electorais”.

Neste sentido, a líder do Bloque subliñou o papel “determinante” do nacionalismo que fai que, a día de hoxe, os grandes debates políticos do país se correspondan maioritariamente con iniciativas políticas do BNG.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar