A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago organiza o I Concurso de Canto ‘Compostela Lírica’

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e a Universidade de Santiago, organiza o I Concurso de Canto ‘Compostela Lírica’, cuxo obxectivo é o fomento dos novos talentos ao estar destinado a solistas de calquera tonalidade de entre 18 e 35 anos. O concurso, que xa pechou a súa fase de inscrición, conta con dous galardóns dotados economicamente. Deste xeito, competirase por un primeiro premio de 3.000 euros e un segundo de 1.000 euros. Ademais, as dúas persoas gañadoras contarán cun recital remunerado que se celebrará en datas aínda por determinar no Teatro Principal de Santiago. Precisamente, o Teatro Principal acollerá a celebración do concurso, que se dividirá en dúas sesións abertas ao público o sábado 8 de decembro ás 18.00 horas e o domingo 9 de decembro ás 19.00 horas.

A organización deste certame conta coa inestimable colaboración da Fundación José Otero-Carmen Martínez, organización de interese galego constituída en Santiago o 27 de xuño de 1996. Os seus obxectivos pasan pola concesión de bolsas a estudantes nos campos da formación, execución e desenvolvemento de programas de investigación, pola dotación de bibliotecas e mais polos fondos culturais. Ademais, a Fundación José Otero-Carmen Martínez procura achegar axuda á infancia, á terceira idade, ás persoas discapacidades e/ou en situación de extrema necesidade.

 

Pola súa banda, a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago (ADOC) é unha entidade sen ánimo de lucro que actúa en Compostela e no seu ámbito comarcal. As súas finalidades son o cultivo e o fomento da ópera e de todas aquelas actividades, incluídas as pedagóxicas, que poidan levar a unha expansión e un maior coñecemento da mesma. Entre 2013 e 2016, ADOC organizou catro Galas Líricas dos Conservatorios de Galicia, coa participación do mellor alumnado destes centros. Con este I Concurso de Canto Compostela Lírica, ADOC quere ir máis alá das Galas Líricas e diríxese aos profesionais novos/as, aos/as cantantes cos estudos terminados que pretendan iniciar as súas carreiras artísticas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar