Mercadiños vergoñentos

Os mercadiños que se instalan nos lugares máis diversos –e na antiga Frigsa, en Lugo, temos un exemplo ben de preto- son entendidos como unha democratización do comercio tradicional, un achegarse ao cliente preto do seu domicilio, par ofrecer de xeito sinxelo e a precio asequible o que o comprador desexa adquirir, aínda case sen sabelo.

Se o comercio tradicional foi esmorecendo, e as grandes superficies dominaron cidades e vilas, estes mercadiños son como unha terceira vía, máis humana, ao alcance de todos, onde o trato, a conversación, o contacto coas mercadorías, fannos ver que o comercio tradicional non desapareceu de todo senón que parece revivir noutros lugares e con outras formas, por todo o país.

Pero o que non pode encadrarse neste popular xeito de comerciar é o que ocorre os días de mercado no contorno do Mercado de Quiroga Ballesteros e da Praza de Abastos da cidade de Lugo, agora que o tempo aínda permite actividades coma esta no exterior, que espontaneos comerciantes boten por terra –polo asfalto-, na beirarrúa, os seus productos textís de segunda man conseguindo un público curioso que se arremuíña diante do espectáculo e comprará, supoño, o que se ofrece de xeito tan expresivo como pouco coidado.

Ningún límite se lle pon por parte da autoridade competente, que xa non ten pola rúa policía municipal, a este desordenado comercio, que ofrece un panorama anárquico e terceiro mundista, precisamente arredor dos dous centros renovados polo concello para adaptarse ás circunstancias e necesidades destes tempos en relación co comercio de todo tipo de materias.

Perdemos o concepto do que se debe ou non se debe facer. En tempos, non se permitía a mendicidade nas rúas, xa que para iso estaban os servizos asistenciais das institución, e agora a mendicidade volve de novo ás nosas rúas. Combatíase aos manteiros, especialmente durante as festas de San Froilán, e este ano case non houbo ata que as fests xa remataban.

A tolerancia con algún sector deprimido da poboación -neste caso, de etnia xitana- non pode perxudicar á imaxe da cidade cara a fóra e cara a nós mesmos. O mercadiño de roupa usada no fondo de Santo Domingo é unha vergoña que hai que solucionar urxentemente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar