CRTVG: “Corazón de investigadora”, nova campaña

A CRTVG pon o foco arredor da Semana Internacional da Ciencia e a Paz da ONU para desenvolver a súa cuarta campaña anual de Responsabilidade Social Corporativa, Corazón de innvestigadora. A campaña, que durará desde o venres 16, desenvolveuse en colaboración coa Universidade de Santiago, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña e quere contribuír a espertar vocacións científicas entre as mozas e nenas galegas, visibilizando os perfís de doce mulleres dos eidos  tecnolóxicos e científicos galegos, coñecidos internacionalmente como STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths).

A acción de comunicación está concibida como 360º e implica todos os medios da Corporación. Contará cun anuncio principal para televisión onde 12 investigadoras galegas son as protagonistas. Nas redes esas investigadoras contarán a súa historia a través de pequenos vídeos que rematan lanzándolle un reto inspirador ás nenas: “E ti, que queres ser?” Trátase de buscar o maior impacto posible a través da imaxe de galegas que poidan servir de inspiración ás novas xeracións grazas ao seu traballo. Todas estas accións irán acompañadas por entrevistas na TVG e na Radio Galega na semana que dura a campaña.

A ciencia e a igualdade de xénero son vitais para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, incluídos na Axenda 2030 da ONU e as campañas de RSC da CRTVG enmárcanse dentro dos ODS neste caso no 4 e 5, Educación de Calidade e Igualdade de Xénero.

Nos últimos 15 anos, a comunidade internacional fixo un grande esforzo inspirando e promovendo a participación das mulleres e as nenas na ciencia. Desafortunadamente, elas seguen enfrontándose a barreiras que lles impiden participar plenamente nestas disciplinas. De acordo cun estudo realizado en 14 países pola ONU, a probabilidade de que as estudantes rematen un grao, mestría ou doutorado nalgunha materia relacionada coa ciencia é do 18%, 8% e 2%, respectivamente, mentres que a probabilidade para os mozos é do 37%, 18% e 6%.

A campaña #CorazónDeInvestigadora pon o ollo nos prexuízos e barreiras que teñen que superar moitas mulleres que se queren dedicar aos eidos tecnolóxicos e científicos. Amósanse exemplos de investigadoras e científicas reais galegas, que ademais se poden coñecer polo miúdo na web www.crtvg.es/RSC/ciencia, en que tamén se achega información de interese e ligazóns a webs institucionais. Ademais, durante toda a semana, os medios da CRTVG incluirán informacións e entrevistas arredor deste tema.

 

A Corporación de Radio e Televisión de Galicia, no exercicio da seu servizo público de comunicación, planifica anualmente as súas accións de comunicación corporativa e responsabilidade social arredor dun territorio de comunicación, a “Dixitalización de Galicia”. E a base das accións da súa estratexia de RSC son os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, entre eles o da Educación. A CRTVG, que é socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas desde 2011, propúxose en 2018 dar un paso máis e visibilizar os ODS, difundíndoos en Galicia e contribuíndo a eles a través de accións como a xeración de contidos e a difusión de proxectos que contribúan á solución de retos sociais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar