Feijóo-Vázquez:Compromiso de novos avances para Ourense

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou tras unha reunión mantida co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, novos avances nos principais proxectos da cidade, cun investimento total da Xunta nesta lexislatura de máis de 200 millóns de euros; dos cales, máis da metade -120 millóns- están executados e 100 millóns están en execución ou en trámite.

Durante o encontro, Feijóo e Jesús Vázquez repasaron, nun primeiro lugar, as distintas actuacións postas en marcha no ámbito dos servizos públicos, comezando pola que ten maior impacto: a ampliación do Hospital Público de Ourense.

Logo de constatar que a entrada en funcionamento do novo edificio, en setembro de 2017, supuxo un impulso histórico para atención nesta área sanitaria, cunha nova superficie de 52.000 metros cadrados, Feijóo subliñou que o próximo ano se continuará coa segunda fase do plan director, que completará a mellora da hospitalización, cunha nova edificación que unirá o Materno- infantil co novo edificio que xa está operativo desde hai un ano. “O noso compromiso é que no primeiro trimestre de 2019 presentemos este novo edificio”, precisou, ao que engadiu que o pasado mes de outubro se adxudicou a nova cociña, cun investimento de máis de tres millóns de euros.

Así mesmo, na área dos servizos sociais, ambos os dous analizaron os avances en tres novas actuacións. A primeira delas, o novo centro interxeneracional, construído pola Fundación Amancio Ortega, cuxas 82 prazas de gardería xa están funcionando e as 80 prazas do centro de día xa se están a poñer en servizo.

En relación á nova residencia pública para persoas maiores, o presidente do Goberno galego agradeceu ao alcalde a súa implicación, coa cesión dos terreos na parroquia de Cudeiro, e salientou que esta infraestrutura, que será licitada na primeira parte do ano 2019, contará con 120 novas prazas públicas e cun investimento de 9 millóns de euros.
E, sobre o centro de atención a persoas con discapacidade, que contará con 100 prazas, precisou que este proxecto está xa incluído nos orzamentos do ano que vén, para que poida ser licitado no primeiro trimestre de 2019.

En materia educativa, o responsable autonómico confirmou a finalización dos trámites para mellorar o CEIP Irmáns Villar, coa cubrición e peche da pista deportiva neste curso 2018-19.

E, ademais da posta en marcha do grao de Enxeñaría Aeroespacial e do Campus da Auga, Feijóo referiuse tamén á ampliación, rematada o ano pasado, da sede da Escola Oficial de Idiomas e do IES Universidade Laboral.

Por outra banda, e no tocante á vivenda pública, Feijóo e o alcalde da cidade das Burgas acordaron seguir afondando na rehabilitación, prioritaria para o Goberno galego. Tanto mediante o Programa Rexurbe Ourense, onde xa se está a rematar o proceso de adquisición de varias vivendas en estado de abandono no centro histórico, co obxectivo de acadar arredor de 13 vivendas rehabilitadas. Como co impulso doutras actuacións para promover vivendas de promoción pública.

Sobre este segundo punto, referiuse á reforma dun edificio na rúa Cervantes cedido polo Concello, para a rehabilitación de tres vivendas e un local; “e estamos rematando a construción de oito vivendas de promoción pública no barrio do Vinteún”, explicou.

Feijóo trasladou, ademais, ao alcalde o obxectivo de acometer un edificio singular para albergar todos os servizos administrativos que presta a Xunta en Ourense. E para iso, os orzamentos do próximo ano xa recollen unha partida inicial que permita avanzar na súa tramitación.

Ao longo da xuntanza, o presidente autonómico puxo en valor tamén as melloras no saneamento: tanto coa actuación máis importante, a EDAR de Ourense, que se inaugurou o ano pasado, tras un investimento de case 50 millóns de euros; como a través de actuacións de menor importe pero cun grande impacto no rural e que se seguirán a desenvolver en colaboración co Concello.

No eido das infraestruturas, Feijóo confirmou que a conexión do Polígono San Cibrao coa autovía A-52 está en execución, a bo ritmo e coa previsión de que entre en servizo no ano 2020. “E temos o compromiso de mellorar algunhas das principais estradas da cidade”, dixo, ao que avanzou a sinatura dun protocolo co Concello para acondicionar varias rúas do municipio. Un investimento de case 10 millóns de euros para acometer polo menos 10 actuacións, algunhas delas en rúas como Otero Pedrayo ou Marcelo Macías.

Máis aló destas accións puntuais, garantiu ademais o compromiso de seguir impulsando a estación intermodal. Ao respecto, expresou a necesidade de que Fomento acelere o prazo de execución do aparcadoiro subterráneo para poder seguir coas obras; “e se Fomento cumpre cos prazos, a Xunta mantén o compromiso de entregar esta estación a mediados de 2020”, matizou.

Así mesmo, o Concello e a Xunta seguirán traballando para que o AVE entre en Ourense de acordo coa planificación prevista, defendendo a variante de Taboadela e defendendo que, mentres non se remate esa variante exterior, se mellore a vía actual para respectar os prazos comprometidos.

Dentro do Plan de sendas, Feijóo avanzou que a Administración autonómica porá á disposición dos ourensáns seis sendas. Non en van, xa se están a construír 15 quilómetros destes itinerarios para os peóns e ciclistas, que suporán un investimento de máis de 2,5 millóns de euros.

O responsable do Executivo galego expresou a vontade de adiantar os prazos previstos para que todo o proxecto do ecobarrio estea rematado en 2020, de xeito que: a renovación da iluminación pública da Chavasqueira se licitará antes de que remate o ano; a remodelación dos 18 edificios privados se poñerá en marcha a comezos de 2019; a rede de district heating poderá estar adxudicada a finais do ano que vén.

Na xuntanza, ambos repasaron tamén as actuacións que permitirán reforzar as posibilidades turísticas de Ourense, cun impulso continuado ao termalismo; así como coa mellora permanente das actuacións vinculadas ao Camiño de Santiago, mediante a adecuación da Vía da Prata e dotando a cidade dun albergue de peregrinos no centro histórico, cuxa apertura está pendente da licenza que o Concello dará en breve.

Consciente de que é fundamental seguir poñendo en valor o patrimonio cultural da cidade, como se fixo coa mellora da Catedral e tamén coa adecuación da Ponte Vella, que se continuará nunha 2ª fase coa humanización da contorna, Feijóo resaltou que, neste mes de novembro, se licitará a obra, priorizando a pista de skate comprometida.

Sobre os proxectos de carácter deportivo e lúdico, o titular do Goberno galego aseverou que xa están feitos os trámites para levar a cabo a ampliación da zona expositiva de Expourense. “Igualmente, hai uns días asinamos un convenio con Expourense para ampliar a capacidade da pista ata as 1.500 persoas coa instalación de novas bancadas. E imos acometer a reforma integral do pavillón dos Remedios, cun investimento de 2 millóns de euros”, afirmou.

Por último, Feijóo aseverou que a Administración autonómica está a avaliar a viabilidade dunha zona acuática na cidade deportiva de Monterrei, dunhas dimensións ao redor dos 35.000 metros cadrados.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar